SEMANA SANTA DE VIVEIRO

Festas de interese turístico
349
Datas de celebración: 12/04 - 21/04

Localización

27850  Viveiro - Lugo

Coordenadas:
43º 39' 43.0" N - 7º 35' 40.9" W

Descrición

Numerosos pasos, algúns deles articulados e de grande interese artístico, protagonizan as solemnes procesións de Semana Santa de Viveiro, nas que confrarías e irmandades enchen de relixiosidade e ambiente íntimo as rúas da localidade. Eucaristías, vía crucis, tamborradas… preceden aos días grandes. Os actos máis rechamantes comezan o Xoves Santo, coa procesión da Última Cea –o paso da Cea foi creado en 1808 por un artesán que tomou a mariñeiros do veciño porto de San Cibrao como modelos para as figuras dos Apóstolos– e do Prendemento, organizada pola Irmandade do Prendemento, moi rechamante polas súas túnicas e caparuchos de cores vermella e branca. O Venres Santo pola mañá ten lugar a procesión do Encontro, outra emocionante cerimonia na que participan, xunto ao Cristo que cae, as tallas da Dolorosa, San Xoán e a Verónica, e que é seguida pola multitude desde os balcóns e as rúas con crecente interese. Pola tarde, tras o Desencravo celébrase a procesión do Santo Enterro, a máis luxosa de todas, cos levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola e un gran caparucho con anteface.
A Procesión da Paixón ten lugar na media noite do Venres Santo. Nela participan cos seus respectivos pasos varias confrarías e irmandades, entre elas a das Sete Palabras e a de Mulleres da Santa Cruz, ataviadas coa súa clásica mantilla. Na media noite, sae ás rúas a procesión da Soedade ou dos Caladiños, cos pasos da Verónica, San Xoán e a Virxe da Soedade, acompañados por unha multitude de fieis con candeas acesas no máis impresionante recollemento.

Para non perderse:
Procesión do Encontro, na Praza Maior e Adro de Santa María, unha emocionante representación das caídas de Cristo, coa cruz ás costas, e a Virxe, a Verónica e San Xoán buscándoo.

Outras características

Relixiosas
Festas Festas de interese turístico Festas de interese turístico internacional
Arriba