Festa das Alfombras Florais de Bueu

Festa de Interese Turístico
Festa/Feira popular

No municipio de Bueu, a celebración da festa do Corpus remóntase ao século XVII. A partir da documentación máis antiga atopada na parroquia –libros da Confraría do Santísimo Sacramento desde 1740- dedúcese que xa existía con anterioridade.
Durante todo este tempo, a procesión que se realiza despois da misa evolucionou moito, tanto no seu percorrido como nos elementos empregados nesta. Nun principio, o Santísimo limitábase á igrexa, onde había rodas de adoración por parte dos fregueses. Despois, esta ampliouse cunha procesión arredor do adro da igrexa, e con posterioridade, ás zonas próximas.
Con todo, e malia a súa antigüidade, o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, unha vez que se asfalta o camiño de Ramón Bares. Un dos costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as tradicionais carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese máis visitantes. A día de hoxe, os tapices florais cobren un total de 1,5 quilómetros das rúas.

Para non perder:
Os materiais mariñeiros, como cunchas de berberecho ou vieira, que se incorporan ás alfombras. 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!