Latitude 43° 47′ 23.6″ N, lonxitude 7° 41′ 17.9″ W.
Na carta de presentación da punta Estaca de Bares sempre se inclúen as súas coordenadas como punto máis setentrional da península Ibérica e, ademais, divisoria xeográfica entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Este enclave xa fora declarado Sitio Natural de Interese Nacional nos tempos da II República.
A esta situación estratéxica debe gran parte da súa sona internacional como paso obrigado para centos de miles de aves. A este punto conducen varias rutas migratorias de especies mariñas e terrestres procedentes do Atlántico, o Mediterráneo e o Ártico. As valoracións máis optimistas acadan cifras que exceden os dous millóns e medio de exemplares voando cara ao oeste os que por aquí pasan. É o lugar ideal para observar non só aves como, por exemplo, o mascato, senón tamén cetáceos en augas próximas.