No interior, as zonas húmidas como as da Terra Chá, o encoro de Abegondo-Cecebre ou o de Vilagudín e Vilasenín continúan sendo un bo lugar no que observar aves acuáticas como anátidos, garzas reais ou mergullóns cristados.
Agora ben, pequenos e sutís cambios están en marcha. Se nos achegamos ao litoral, particularmente ás Cíes e á illa de Ons, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, imos poder ver, cun pouco de habilidade e sorte, os primeiros corvo mariño cristados iniciando a nidificación en quebrados cantís e covas litorais. A Costa da Morte ou a Costa de Dexo tamén son boas localizacións para ver estas especies.
A mediados do mes as aves acuáticas invernantes empezan a volver ás súas áreas de nidificación, no norte de Europa, e o seu número redúcese drasticamente. A cambio, no litoral empezan a compensarse as cifras con especies migratorias de paso cara ao norte. Cabos, praias e zonas húmidas da costa han empezar a acoller gaivotas escuras, que recalan brevemente para durmir ou alimentarse nas praias, e mascatos.
Outro cambio é que moi timidamente empezan a chegar as primeiras aves migratorias que volven para nidificar en Galicia. Unha, moi madrugadora, é a andoriña común, visible en pequenos números a finais de mes nas áreas do interior.