Se en marzo a primavera parece anunciarse timidamente, en abril amósase sen complexos: os días son máis longos, a vexetación esperta do seu letargo invernal e o ceo, os bosques e os campos énchense co canto de numerosas aves.
Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
Se en marzo a primavera parece anunciarse timidamente, en abril amósase sen complexos: os días son máis longos, a vexetación esperta do seu letargo invernal e o ceo, os bosques e os campos énchense co canto de numerosas aves.
Isto achega á nosa contorna un grande número de paxaros que poderemos localizar en practicamente calquera lugar e hábitat de Galicia. Nas cidades, vilas e aldeas encontramos pequenas aves que se alimentan de insectos: andoriñas, andoriñas de cu branco ou cirrios.
En calquera área da campiña ou nos grandes vales fluviais, podemos observar aves rapaces estivais como o millafre negro, especialmente nos Canóns do Sil, na Serra da Enciña da Lastra, na Limia ou na Terra Chá. Nestas dúas últimas zonas, así como nas comarcas de Lugo e Sarria, podemos gozar das cegoña común que se afanan xa en chocar os seus ovos en grandes niños próximos a edificios en núcleos urbanos.
Outras especies, como a bubela, déixanse ver pouco a pouco en áreas agrícolas ben conservadas. As especies sedentarias, as que pasan con nós todo o ano, xa entran en plena reprodución, polo que non é raro ver individuos adultos con cebo no pico para alimentar os seus pitiños; seguro que preto da casa habemos ter algún merlo común que o está facendo.
En áreas de montaña como Os Ancares e Montes de Cervantes, O Courel e o Macizo Central a primavera avanza máis lentamente, pero meternos polas súas fragas é toda unha experiencia para os sentidos. Dominan o ambiente os cantos das aves, entre os que podemos distinguir o frecuente e característico do picafollas ibérico.
Aos xa mencionados millafres negros únense outras como a gatafornela ou a tartaraña cincenta. A primeira podemos observala nos espazos abertos das zonas montañosas. É unha brava ave rapaz que, aínda que é pouco frecuente, desenvólvese con éxito en medios duros coma estes. As tartarañas cincentas chegan a finais de marzo, pero é en abril cando se instalan nos seus territorios de cría e realizan rechamantes paradas nupciais. Dentro desta especie, Galicia conta ademais cunha elevada proporción de individuos melánicos, é dicir, de plumaxe completamente escura. A súa querenza por zonas abertas fai que lugares como A Limia, A Terra Chá, a Serra do Candán e Brañas de Xestoso, Terra das Frieiras ou as comarcas de Lugo e Sarria sexan ideais para observalas. Para iso debemos buscar sempre áreas despexadas con cultivos ou toxeiras.
Ademais de gatafornelas e tartarañas cincentas, nas zonas de interior imos poder observar falcóns pequenos perseguindo insectos e pequenas aves. Nas montañas e áreas abruptas ha ser a aguia cobreira a que chame a nosa atención co seu sosegado voo na busca de réptiles quentándose co sol da primavera.
Cambiando de hábitat de forma radical, na franxa costeira o máis interesante desta época son tres especies de diferentes ambientes: a píllara das dunas, a gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado. A pequena píllara das dunas vive nas praias abertas ao Atlántico como as que podemos encontrar na Costa da Morte, Baldaio, Louro e Carnota, O Grove e Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
É difícil de observar no seu medio, pois camúflase perfectamente entre a area e as oucas depositadas nas praias. A súa supervivencia depende en boa medida de como tratemos estes delicados ecosistemas. As outras dúas son especies icónicas e poderemos observalas se nos achegamos ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, tanto na illa de Ons, como nas illas Cíes: a abondosísima gaivota patiamarela, que ten aquí unha das maiores colonias do mundo, e o corvo mariño cristado, escaso e máis ameazado. A primeira podemos contemplala en practicamente calquera lugar, aínda que é nas empinadas ladeiras que caen no mar onde están as súas colonias máis espectaculares; o segundo , nos cantís máis abruptos. Para ver corvos mariños cristados tamén podemos achegarnos á Ría do Burgo e Costa de Dexo: nos cantís mariños destes espazos é onde aínda manteñen algúns niños.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.