Sen saír das áreas montañosas, un paseo polos bosques, e incluso pola contorna das pequenas aldeas, permítenos detectar un gran número de pequenas aves
Algunhas delas son moi interesantes, como o peto formigueiro ou o rabirrubio de testa branca nas montañas de Ourense. É tamén durante este mes e mais o próximo cando as andoriñas comúns e as de cu branco empezan a verse en gran número, pois conviven no mesmo espazo temporal os exemplares novos nacidos nesta tempada cos adultos que aínda se afanan en sacar adiante máis niñadas.
Agora ben, xullo é un mes de praia para boa parte da poboación e, próximos aos areais, aínda aos máis concorridos, habemos poder encontrar unha gran variedade de especies
Non é estraño que os carrán cristados se acheguen e pesquen a pouca distancia dos bañistas, alleos, normalmente, a este espectáculo. Pero é nestas zonas húmidas de costa onde poderemos empezar xa a observar moitas aves que, procedentes do norte, empezan a migrar cara ao sur, anticipando desta maneira un inverno que aínda ha tardar meses en chegar. En xullo, por exemplo, as gaivotas choronas e as cabecinegras xa se están instalando de novo aquí, despois de criar no norte. Podemos atopar tamén multitude de limícolas, garzas reais, garzotas pequenas, etc. Os espazos ideais neste mes son sempre as mellores zonas húmidas costeiras, como as do Grove, particularmente a enseada do Vao, as rías de Ribadeo e Foz, a de Ortigueira, a urbana Ría do Burgo, a ría de Ponteceso na Costa da Morte, A Ramallosa en Baiona e o cabo Silleiro ou o esteiro do Miño na Guarda.
Tamén é un bo momento para se achegar a diferentes cabos do litoral galego, polos que pouco a pouco se van deixando ver numerosas aves mariñas no seu paso migratorio cara ao sur. O número e a variedade das especies non é tan rechamante coma nos meses seguintes, pero aínda así imos poder ver mascato do atlántico, carráns cristados, algunha pardela cincenta do Atlántico e furabuchos das baleares que, procedentes do Mediterráneo, alcanzan as costas galegas para pasar nelas unha boa tempada. O mellor punto de observación é Estaca de Bares, aínda que tamén podemos acudir á punta do Castro, na Mariña Lucense; aos cabos Vilán, Touriñán e o Roncudo, na Costa da Morte; ao cabo de Corrubedo, no Parque Natural homónimo, ou ao cabo Silleiro.