Zonas con hábitats abertos como A Limia, A Terra Chá ou incluso áreas montañosas como a Serra do Candán e Brañas de Xestoso ou Terra das Frieiras, son tamén bos lugares para as aves rapaces. Se estamos atentos, conseguiremos ver tartarañas cincentas e gatafornelas cazando nos pasteiros e entre o monte baixo que caracteriza estes lugares.
Nas áreas de monte baixo e bosquetes de todas estas zonas do interior que mencionamos, habemos poder ver con relativa facilidade especies como o picanzo vermello, que desde África vén para reproducirse nos nosos campos. Trátase dunha pequena ave enmascarada e particularmente fera, que caza pequenos paxaros, ratiños, muraños, lagartos e insectos que adoitan empalar en arbustos ou arames espiñentos para devoralos.
Maio é o mes do ouriolo
Os machos desta especie locen unha espectacular cor amarela mentres que as femias son máis misteriosas cos seus tons verdes. Os seu hábitat ideal está nos bosques ben conservados das ribeiras fluviais. Alí é moi doado escoitar o seu canto, aínda que é máis difícil velos, pois viven debaixo do dosel arbóreo, lonxe das miradas indiscretas. Algúns dos mellores sitios para intentalo son a beiras do río Támega en Oímbra, Monterrei e Verín, a cola do próximo encoro de San Martiño ou as ribeiras dos ríos Miño e Neira nas comarcas de Lugo e Sarria.
Maio tamén é un bo mes para as aves acuáticas que constrúen o seu niño nas nosas zonas húmidas
Patos de distintas especies, mergullóns cristados e pequenos, galiñolas negras e de auga poden observarse nas lagoas dos zonas húmidas da Terra Chá, en distintos encoros como o de San Martiño, o de Abegondo-Cecebre e o da Fervenza e Baíñas, ou lagoas litorais como a de Xarfas en Louro (Muros) ou a de Vixán no Parque Natural de Corrubedo. Nesta última imos poder observar ademais a escasa tartaraña das xunqueiras ou a aínda máis escasa garza vermella.