Desprazándonos a espazos abertos ha ser posible observar como os machos, especialmente de tartaraña cincenta, se afanan en capturar insectos e pequenos mamíferos e réptiles para achegar comida ás femias que, pacientemente, esperan a eclosión dos seus ovos. É o momento de volver ás zonas húmidas da Terra Chá, a Calvos de Randín e Baltar ou á Limia. Aquí as zonas húmidas son artificiais, pero atópanse sorprendentemente naturalizadas, xa que se foron formando a partir da inundación de antigas explotacións areeiras e permiten observar os momentos finais da nidificación de especies como o mergullón cristado. Cun pouco de paciencia poderemos verificar qué outras especies criaron: lavancos, mergullóns pequenos, galiñolas negras e galiñolas de auga, entre outras, poden verse en lagoas como a de Cospeito na Terra Chá, a de Xarfas en Louro (Muros) ou a de Vixán no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo. Aquí poderemos ver, ademais, garzas vermellas, de fascinante camuflaxe. Para observar garzas reais nidificando podemos desprazarnos por exemplo ao encoro de San Martiño, na comarca de Valdeorras.
Se a nosa opción é emprender longas camiñadas cos prismáticos ao pescozo, é un mes excelente para andarmos polas fragas mellor conservadas de Galicia
Recomendamos achegarse ás dos Ancares e Montes de Cervantes. Camiñando en silencio, preferentemente na mañanciña, poderemos escoitar gran variedade de especies forestais, incluso o escaso e esquivo peto negro, o paxaro carpinteiro máis grande de Europa. Fragas e soutos da Serra do Oribio, O Courel e o Parque Natural das Fragas do Eume acollen tamén un importante elenco de aves forestais. Xuño tamén é o mes ideal para intentar ver o verderolo serrano, unha especie que en Galicia está practicamente restrinxida aos piñeirais da Serra do Xistral, difícil de visitar durante moitos meses do ano pola súa dura climatoloxía.
E non hai que esquecer outros bosques de grande importancia nos que a avifauna é abraiante, como os bosques fluviais ou de ribeira. Algúns dos mellores tramos encóntranse nos arredores do río Támega en Oímbra, Monterrei e Verín. É o lugar idóneo para gozar de aves de distribución máis restrinxida en Galicia, como o rousinol de merecida fama debido ao seu canto. Sen saír desta área, as súas campiñas e pequenas fragas hannos proporcionar múltiples observacións de aves menos frecuentes, como os coloridos abellarucos, as escribentas hortelá ou, con sorte, o lagarteiro cincento.
Durante este mes, o litoral marítimo non é tan pródigo en especies como nos meses anteriores ou no inverno
Aínda así, garda algún pequeno tesouro como a píllara das dunas, unha pequena limícola que cría nas praias máis salvaxes e menos transitadas. Neste mes está finalizando xa a nidificación e é bo momento para tratar de observala desde a distancia. Para iso as mellores praias son as de Baldaio, Louro e Carnota e as do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
E, como a tempada turística aínda non chegou, quizais é un bo momento para acudir ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, con bo tempo, e gozar da contorna con moi poucos visitantes: unha viaxe dunha xornada por calquera ruta das illas Cíes ou da illa de Ons hanos permitir presenciar a avanzada nidificación das gaivotas. Os corvos mariños cristados xa remataron de criar, así que imos poder ver un bo número deles: adultos e crías nacidas no ano. Ademais, é probable observar unha ave sorprendente e escasa, o andoriñón real, presente ao redor do faro das Cíes.