Se o frío aperta en Europa, é o momento ideal para acudir ás grandes zonas húmidas da costa
A Guarda, a Ría de Vigo, O Grove, a Ría de Ortigueira, as zonas húmidas da Costa da Morte como a ría de Ponteceso ou a pequena de Lires, a ría do Burgo, a lagoa de Valdoviño en Ferrolterra, a Ría de Ortigueira e as de Ribadeo e Foz, xa en Lugo, hannos permitir enriquecer as nosas listas de avistamentos cun bo número de especies novas. Ás xa mencionadas gaivotas hai que sumarlles corvos mariños, anátidos, garzas reais e garzotas pequenas, limícolas e pequenos paxaros invernantes como as picas dos prados.
Continúa sendo un mes excepcional para nos fixar nas praias e nas grandes masas de augas tranquilas
Continúa sendo un mes excepcional para nos fixar nas praias e nas grandes masas de augas tranquilas na procura de mergullón de pescozo negros, mergos cristados, mobellas grandes ou araos. O tramo medio da Ría de Ribadeo é ideal, así como o tramo entre San Cibrao e O Portiño de Morás, na Mariña de Lugo, a Ría de Ortigueira, a do Burgo, a praia de Baldaio, a contorna litoral de Carnota e Louro, a praia de Corrubedo, a da Lanzada, xa no Grove, ou a Ría de Vigo.
Nas chairas interiores
Nas chairas interiores como as da Limia, as das comarcas de Lugo e Sarria ou nas áreas da Terra Chá podemos observar outras especies como as avefrías, as píldoras douradas, os tordos rubios e reais ou, cunha miguiña de sorte, os pimpíns do norte, presentes só no inverno e realmente escasos.
Zonas de montaña
Malia seren paisaxisticamente impresionantes, quizais as zonas de montaña non sexan o mellor destino nesta época do ano. Así e todo, se nos achegamos por exemplo ao Macizo Central, Pena Trevinca e Serra do Eixe ou Serra do Xurés, habemos ter a ocasión de observar a aguia real que, durante o inverno, realiza os seus vistosos voos nupciais.