Unha das especies que máis chama a atención das que podemos observar neste mes nas zonas húmidas de costa, e especialmente no Grove, é o fermoso cullereiro común. A grande concentración de individuos desta especie fai deste espazo un dos puntos de referencia en Europa para a estadía invernal e a migración. Pero aínda hai máis sorpresas agradables: é agora cando moitas aguias pescadoras procedentes do norte de Europa viaxan libremente a través do Atlántico e o Cantábrico ata acadar o continente xusto na costa galega. Deberemos estar atentos en todo momento á aparición destas magníficas aves. Ademais dos lugares xa citados, o fondo da Ría de Muros e Noia, a de Ares e Betanzos e a de Vigo son especialmente recomendables.
	Sen movernos do litoral, un bo plan é acudir ás praias máis bravas que, desde este mes e ao longo de todo o inverno
Sen movernos do litoral, un bo plan é acudir ás praias máis bravas  que, desde este mes e ao longo de todo o inverno, locen máis salvaxes,  indómitas e solitarias, polo que moitas limícolas aproveitan este  momento para descansar e alimentarse nas súas longas travesías ao longo  das costas atlánticas. O pilro tridáctilo, dun branco inmaculado, é unha  das especies máis características deste mes.
	Como nos meses precedentes, os cabos son un bo punto para presenciar o paso de aves mariñas en migración
 Algunhas das especies  que podemos observar desde eles están presentes  durante todos os meses  de migración, de xeito máis ou menos constante,  pero outras migran nun  mes ou data concreta. Outubro é o mellor mes para  avistar, por exemplo,  o pentumeiro común, un escuro pato mariño que se  despraza a pouca  altura sobre as ondas. Estaca de Bares volve ser o lugar de referencia. 
 
 É   frecuente que cos primeiros fríos do mes empecen a verse especies que   han pasar con nós o inverno; é o caso dos tordos rubios e os reais. Bos sitios para buscalos son A Terra Chá, A Limia, as comarcas de Lugo e Sarria, etc.
 Tamén  chegan os primeiros estorniños pintos, que se unen en grandes   durmidoiros aos estorniños negros locais para pasar as noites despois de   alimentarse nas campiñas de preto. Podemos observalos en calquera cidade ao atardecer.