O Centro BTT Ribeira Sacra sitúase no límite entre as provincias de Ourense e Lugo. O Canón do río Sil é o principal protagonista desta travesía, pero este territorio esconde moitos máis atractivos como o seu gran patrimonio arquitectónico, representado polo legado transmitido polos monxes que habitaron este lugar noutras épocas. Os Mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) e Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil) constitúen dúas das principais construcións sacras que podemos visitar. Esta é unha zona BTT moi esixente, que nos obriga en ocasións a cargar coa nosa bicicleta para superar algunhas zonas de viñedos construídos en terrazas, coñecidas localmente como socalcos. Con todo, outros tramos están formados por amplas pistas forestais que nos conducen suavemente por preciosos bosques de castiñeiros e pequenas aldeas, nunha amena travesía.

Nesta viaxe, os encargados de transportarnos a través da abafadora beleza da paisaxe son Pablo Cordo, ao que lle encanta descubrir novos destinos coa súa bicicleta de montaña, e Guti Martín, responsable da Oficina Técnica dos Centros BTT Galicia.

PARADOR DE SANTO ESTEVO // A FÁBRICA DA LUZ: 46 KM - 1.275 M+

Descrición Día 1

Hoxe propoñémonos percorrer toda a zona norte do territorio polo que se estenden as rutas do Centro BTT. Na contorna do aparcadoiro do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, integrado na Rede Nacional de Paradores, arrinca a ruta 2 “Circular Nogueira de Ramuín”. Unha subida moi esixente atravesa o conxunto de casas da aldea de Santo Estevo de Ribas de Sil ata conectar co Camiño Natural da Ribeira Sacra. É recomendable tomarse con moita calma este primeiro tramo; de feito, o gran bosque de castiñeiros que nos acubilla durante toda a ascensión convídanos a baixarnos da bici e camiñar lentamente ata superar as ramplas máis duras.

A primeira parada obrigatoria do día é o Castro de Litoria, que atopamos a tan só 500 metros de desvío da nosa ruta principal. A panorámica é excepcional: dende aquí podemos adiviñar a profundidade do Canón do río Sil e, tamén, apreciar a magnitude do Mosteiro de Santo Estevo. Continuamos por unha pista forestal en moi bo estado, que dá servizo ao Parque Eólico do Sil, ata alcanzar a parte máis alta da Serra de Cabeza da Meda. Neste punto aproveitamos para visitar os coñecidos como Neveiros de Cabeza da Meda, uns antigos pozos de neve que se utilizaban para almacenar xeo, usado entón na conservación de alimentos e outras transformacións alimentarias e medicinais.

Seguimos pola ruta 2 “Circular de Nogueira de Ramuín” en dirección a O Coutiño, onde conectamos coa ruta 3, “Circular Parada de Sil”, ata alcanzar A Hedrada. Aquí recuperamos forzas e refrescámonos na fonte que se sitúa no centro da aldea. Tras superar o Encoro de Hedrada e o núcleo de Pradomao, emprendemos un descenso, en ocasións técnico, a través dun carreiro estreito e bastante inclinado ata San Lorenzo de Barxacova. O mapa do Centro BTT recomenda, neste lugar, desviarse un pouco da ruta e visitar a Necrópole de San Víctor.

Continuamos pola ruta 5 “A Fábrica da Luz”. Tras un pequeno tramo de estrada, descendemos á esquerda en liña recta cara ao Canón do río Sil, que bordeamos por un camiño en bo estado. Os viñedos tan típicos da zona non pasan desapercibidos e sorpréndennos as fortes pendentes das terrazas de cultivo: Agora entendemos por que se acuñou con éxito o concepto de “viticultura heroica”! É evidente que hai que estar en moi boa forma para traballar estes terreos ao longo de todo o ano e recoller a uva en época de vendima.

Despois de pasar pola Central Hidráulica de Regueiro enfrontámonos ao momento máis esixente do día: un porteo duns 150 metros, necesario para salvar o desnivel dun viñedo que chega ata unha pista. Dende aquí pedaleamos ata Barxacova. Tras recuperar un pouco o alento, a subida final por asfalto fáisenos máis amena lembrando todo o vivido ao longo deste primeiro día de travesía. Chegamos ao Albergue da Fábrica da Luz a tempo para gozar dunha comida na súa terraza exterior. A media tarde, tras ducharnos nas instalacións do Punto de Acollida, preparamos a nosa zona de acampada. E é que este aloxamento, ademais das camas do albergue, ofrécenos a posibilidade de vivir unha experiencia diferente pasando a noite en tendas de campaña montadas en altura, entre árbores. Sentímonos aventureiros e eliximos esta opción para gozar dunha incrible noite baixo as estrelas.

Información Técnica Día 1

Inicio Etapa 1: Parador de Santo Estevo
Época recomendada: Primavera, verán e outono.
Bicicleta recomendada: Cross country, trail ou e-bike.
Material recomendado: Mochila con capacidade para 2-3 litros de auga e uns 12-15 litros de capacidade total. GPS, pequeno botiquín, cazadora para auga e cortaventos, kit de ferramentas básico, comida. Mapa do Centro BTT.
Recomendacións para os traslados: Recomendase deixar o coche no aparcamento do Parador de Santo Estevo. Existe un servicio de taxis que pode mover as maletas entre os aloxamentos propostos.


Travesía Ribeira Sacra día 1
DistanciaTrazadoAcumulado +Acumulado -Altitude máximaAltitude mínimaAltitude saídaAltitude Chegada
46,32lineal127515001208229485282

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

A FÁBRICA DA LUZ // PARADOR DE SANTO ESTEVO: 36 KM - 1.274 M+

Descrición Día 2

Antes de iniciar a segunda etapa da nosa viaxe, repasamos o percorrido nos paneis de información que hai no exterior do albergue. Esta vez conectamos varias rutas da parte sur do Centro BTT para chegar ao noso destino final. Os primeiros 3,5 quilómetros son moi esixentes e é recomendable tomalos con moita calma. A espectacularidade do Canón do río Sil faise cada vez máis evidente a medida que gañamos altura en dirección a San Lorenzo de Barxacova. Seguimos as indicacións da ruta 3 “Circular de Parada de Sil” ata que conectamos co Camiño Natural da Ribeira Sacra, un camiño sinalizado que transcorre entre muros de pedra e castiñeiros centenarios.

Alcanzamos a zona de Entrambosríos cruzando o Regacho de Batán a través dunha ponte. O muíño está rehabilitado e atópase en bo estado, aínda que só se pode visitar en ocasións especiais. Un panel que atopamos á beira do camiño proporciónanos a información necesaria para comprender e valorar os muíños galegos, xa que a moenda converteuse en fundamental para a elaboración do pan. Uns metros máis adiante enfrontámonos a unha forte subida por un camiño empedrado que nos obriga a cargar a bici durante uns 15 minutos. Neste tramo debemos extremar a precaución xa que, ao formar parte do PRG-98, compartimos a nosa ruta con sendeiristas. Tras alcanzar a estrada, pedaleamos en dirección a Parada de Sil.

Na vila, antes de volver a coller as nosas bicicletas en dirección á ruta 4 “Os Torgais”, gozamos dun café e un saboroso anaco de biscoito, ideais para recuperarnos do gran esforzo realizado na primeira parte do día. Tras un breve pedaleo, alcanzamos o lugar coñecido como os Balcóns de Madrid, un extraordinario miradoiro sobre o Canón do río Sil. Seguimos as indicacións cara ao Miradoiro do Castro, dende o que se nos ofrece unha visión distinta aínda que non menos espectacular do canón. Dende este punto, se nos atopamos con forzas, podemos continuar descendendo pola estrada para visitar o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, un dos lugares con maior encanto da Ribeira Sacra. A visita merece a pena, aínda que nos obriga a salvar un gran desnivel de subida para recuperar o track da nosa ruta.

Os miradoiros do Picotiño e de Cabezoá son as nosas últimas oportunidades para gozar do Canón do río Sil nesta segunda etapa. Os últimos quilómetros comparten un tramo co “Sendeiro Transourensán”, que nos conduce placidamente de volta ao Parador de Santo Estevo.
 

Información Técnica Día 2

Inicio Etapa 2: A Fábrica da Luz
Época recomendada: Primavera, verán e outono.
Bicicleta recomendada: Cross country, trail ou e-bike.
Material recomendado: Mochila con capacidade para 2-3 litros de auga e uns 12-15 litros de capacidade total. GPS, pequeno botiquín, cazadora para auga e cortaventos, kit de ferramentas básico, comida. Mapa do Centro BTT.
Recomendacións para os traslados: Recomendase deixar o coche no aparcadoiro do Parador de Santo Estevo. Existe un servicio de taxis que pode mover as maletas entre os aloxamentos propostos.


Travesía Ribeira Sacra Día 2
DistanciaTrazadoAcumulado +Acumulado -Altitude máximaAltitude máximaAltitude saídaAltitude Chegada
36,92lineal12471108892336335474

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba