O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, ao sur da provincia de Ourense, forma xunto ao Parque Nacional da Peneda-Gerês (Portugal), un espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa. Un destino perfecto para a práctica da BTT, con amplas zonas de desertos  graníticos e cumes en forma de agulla que conforman unha paraxe incomparable e moi diferente de case todos os demais destinos de natureza de Galicia. A travesía que che propoñemos percorre este espazo natural único en dúas etapas, nas que atravesarás aldeas onde o tempo se detivo, descubrindo ao teu paso a súa variada arquitectura popular, así como o seu impresionante patrimonio megalítico e legado romano. Tamén descubrirás algún dos máximos expoñentes deste espazo natural como son a Vía Nova e a súa arraigada cultura termal. No plan que che propoñemos combinamos varias rutas do Centro BTT que pasan polos Concellos de Lobios e Muíños para que poidas gozar de dous días de pleno contacto coa natureza, nunha gran experiencia de exploración dun territorio singular.

O protagonista desta viaxe é a máxica paisaxe galega, que exerce de excelente anfitrión coas súas invitadas Eva Castro e Olga García, dúas profesionais do ciclismo que aceptaron gustosamente a nosa invitación para descubrir o Centro BTT Serra do Xurés.

BALNERIO DE LOBIOS-CALDARIA // COMPLEXO TURÍSTICO DO CORGO: 38 KM - 1.536 M+

Descrición Día 1

Arrincamos o día no espazo bikefriendly do Balneario Lobios Caldaria, especialmente pensado para os amantes do ciclismo. Un hotel que tamén ofrece aparcadoiro de bicicletas, unha zona de taller e lavado e mesmo unha zona de recarga para os usuarios que viaxen con bicicletas eléctricas. Hoxe espérannos 38 quilómetros ata chegar ao noso destino final no Encoro das Conchas, no Concello de Muíños. Coa axuda do mapa xeral do Centro BTT e dos tracks descargados no noso GPS, abandonamos Riocaldo para dirixirnos cara a Bubaces pola ruta número 9, onde empezamos a gañar altura en dirección ao Alto de Santa Eufemia. Mentres avanzamos por unha pista forestal en perfecto estado, imos gozando dunha gran panorámica da Serra do Xurés e dos montes veciños de Portugal; mesmo dende aquí chegamos a adiviñar a localización de Portela do Home, paso fronteirizo co país veciño.

Unha vez superado este promontorio, iniciamos un longo descenso ata conectar coa ruta 6 “Vía Nova”, que nos conduce de volta a Riocaldo, para continuar logo cara aos muíños de Vilameá e proseguir a ruta cara a Lobios. É momento de recuperar forzas xa que acumulamos bastantes metros de desnivel na primeira parte do día e aínda nos queda un bo tramo de subida cara a Ganceiros. No seu centro urbano hai varias opcións para tomar un café e comer algo antes de proseguir a nosa travesía.

O Camiño Natural Vía Nova, que comparte trazado coa ruta 6 “Vía Nova”, condúcenos ata a aldea de Reparade e, dende alí, continuamos a nosa etapa ata alcanzar a Capela da Clamadoira. Dende esta capela podemos gozar dunha bonita panorámica do Encoro das Conchas. Chega o momento que levabamos esperando todo o día: a baixada final cara á Reitoral de San Pedro; un carreiro estreito e técnico moi divertido que desemboca na estrada e que nos permite percorrer facilmente os últimos quilómetros ata chegar ao Corgo. Neste lugar espéranos un transfer que nos leva ata á aldea As Maus de Salas para pasar a noite.

Se as instalacións do balneario encantárannos, o Punto de Acollida de Aviva Center confírmanos que Serra do Xurés é un destino pensado para os ciclistas. Na aldea atopámonos cun conxunto de edificacións rehabilitadas que ofrecen aloxamento na modalidade de albergue ou de cuartos individuais, unha pequena taberna onde se pode comer a calquera hora do día e uns espazos comúns para gardar a bici, reparala, limpala, así como consultar información sobre o Centro BTT.

Información Técnica Día 1

Inicio Etapa 1: Balneario de Lobios
Época recomendada: Primavera, verano e outono.
Bicicleta recomendada: Cross country, trail ou e-bike.
Material recomendado: Mochila con capacidade para 2-3 litros de auga e uns 12-15 litros de capacidade total. GPS, pequeno botiquín, cazadora para auga e cortaventos, kit de ferramentas básico, comida. Mapa do Centro BTT.
Recomendacións para os traslados: Recomendase deixar o coche no aparcadoiro ou na zona exterior do Balneario de Lobios. Podese contratar o traslado das maletas e o transfer desde O Corgo ao Punto de Acollida das Maus de Salas coa empresa Aviva Center.


Travesía Serra do Xurés Día 1
DistanciaTrazadoAcumulado +Acumulado -Altitude máximaAltitude mínimaAltitude saídaAltitude Chegada
38,33lineal15361391805327380542

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

AVIVA CENTER // BALNEARIO LOBIOS-CALDARIA: 36 KM - 841 M+

Descrición Día 2

Amence nas Maus de Salas e preparámonos para afrontar a segunda etapa da nosa travesía. O panadeiro de Pitôes, unha aldea veciña de Portugal, acode puntual á súa cita de cada día e comprámoslle o riquísimo pan do almorzo. Despedímonos do responsable do Punto de Acollida e saímos da aldea en dirección ao Encoro de Salas pedaleando por un tramo que comparten as rutas 3, 4 e 5. Nesta zona concéntranse varios exemplos do patrimonio megalítico do Xurés, así que aproveitamos para achegarnos a contemplar o dolmen coñecido como “A Casiña da Moura”, antes de desviarnos cara á ruta 4 “Picos de Fontefría”.

Tras varios quilómetros por unha pista forestal e superar un tramo técnico no Regacho de Lobeira, onde non quixemos evitar mollarnos un pouco, desviámonos en dirección á ruta 2 “Travesía do Xurés”, á altura da aldea de Prado. Agora espéranos unha longa subida, así que decidimos parar nunha pequena área recreativa para comer algo. Despois de catro quilómetros de ascensión chegamos a Albite, unha pequena aldea gandeira con rúas moi estreitas, que cruzamos ata conectar cun carreiro en baixada que nos leva á única estrada que hai nesta contorna. Neste punto desviámonos apenas dous quilómetros da nosa ruta para visitar unha das poucas albarizas que aínda existen na zona. As albarizas son pequenos recintos de pedra que protexen as colmeas de mel contra o mal tempo e contra as incursións dos animais.

Retomamos o trazado da nosa ruta e ascendemos por un camiño rodeado de grandes pedras de granito, tamén coñecidas como bolos. O descenso cara á Cela é bastante rápido e técnico. Nesta aldea sorpréndenos a súa arquitectura singular xa que moitas das casas están construídas ao abrigo das enormes pedras existentes na zona e mesmo algunhas se atopan integradas enxeñosamente nelas.

Seguimos a nosa ruta pola estrada, en dirección a Lobios. Deixamos á nosa esquerda o desvío ás Pozas do río Mao, unha visita recomendable pero que descartamos, xa que se nos fai un pouco tarde. Tras pedalear un par de quilómetros, tomamos un desvío á esquerda cara á ruta 7 “Circular de Lobios”, en dirección a Puxedo. Neste tramo serpeamos coas nosas bicicletas por un antigo camiño entre muros de pedra e á sombra de varios castiñeiros de gran tamaño. A continuación, cruzamos a aldea de Requeixo e encaramos a última parte deste tramo acompañados polo río Cabaleiro, que atravesamos por unha pequena ponte en A Portaxe. Por fin arribamos ao centro urbano de Lobios, onde decidimos comer algo e descansar un pouco antes de regresar ao balneario. Alí gozamos da súa piscina termal antes de despedirnos da Serra do Xurés.  

Información Técnica Día 2

Inicio Etapa 2: Aviva Center
Época recomendada: Primavera, verano e outono.
Bicicleta recomendada: Cross country, trail ou e-bike.
Material recomendado: Mochila con capacidade para 2-3 litros de auga e uns 12-15 litros de capacidade total. GPS, pequeno botiquín, cazadora para auga e cortaventos, kit de ferramentas básico, comida. Mapa do Centro BTT.
Recomendacións para os traslados: Se recomenda deixar o coche no aparcadoiro ou na zona exterior do Balneario de Lobios. Se pode contratar o traslado das maletas e o transfer desde O Corgo ao Punto de Acollida das Maus de Salas coa empresa Aviva Center.


Travesía Serra do Xurés Día 2
DistanciaTrazadoAcumulado +Acumulado -Altitude máximaAltitude máximaAltitude saídaAltitude Chegada
36,16lineal8411347932332859382

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba