As rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol están situadas no noroeste de Galicia. No seu conxunto, o sector coñécese como Golfo Ártabro, nome proveniente dos habitantes que, antes da chegada dos romanos, habitaban o sector —o pobo ártabro— e do porto que dominaba este amplo conxunto de rías, o Artabrorum Portus.
As rías do golfo ártabro debuxan, en certa medida, unha folla mariña que se incrusta en terra: a de Ferrol estírase lixeiramente cara ao nordés, igual cá de Ares, mentres que as de Betanzos e a da Coruña fano cara ao sur.