OS ANCARES

Espazos naturais
767

Localización

Coordenadas:
42º 50' 12.5" N - 6º 55' 30.6" W

Descrición

Feitizos de montaña
Ancares é nome orixinal de río que prestou a súa sonoridade ás montañas máxicas entre Galicia e León. Exercen o seu magnetismo desde lonxe, prendidas de horizontes a dous mil metros escasos. Éntrase nelas cun especial estado de admiración e respecto, por camiños que buscan os cumes abeirados a estreitos e fondos vales. Nas poboacións máis altas descubriremos as pallozas, ancestrais construcións de planta circular e teito de palla mallada. Semella que as súas formas curvas pero rexas se inspiran nos cumes das montañas, suaves e agrestes.

Os ríos que descenden pola vertente galega todos buscan o Navia, que cingue completamente o espazo protexido polo oeste e conduce as augas cara ao Cantábrico. Un bo exemplo é o fermoso val labrado polo río Ser ou as gargantas do río Rao, no concello de Navia de Suarna. A vertente leonesa, pola contra, desauga cara ao sur, á conca do Sil.
A declaración dos Ancares como Reserva da Biosfera en Galicia e Castela e León supón a súa incorporación como unidades da próxima Gran Cantábrica, toda unha sucesión de espazos naturais de alto valor ambiental no norte da península. O oso pardo, o seu símbolo máis recoñecido, ten tamén este extremo lugués como zona de paso.

Acceso

Autovía A-6 e N-VI ata Becerreá. A estrada LU- 722 comunica coa Pobra en Navia de Suarna e posúe os principais desvíos cara á serra.

Natureza senlleira

Monte baixo cobre gran parte das abas orientais. Importantes colonias arbustivas pola produción de bagas como os acivros e arando. Abundan os soutos e as carballeiras.
Na fauna cómpre unha mención ás especies emblemáticas que non se achan noutras partes de Galicia como o oso pardo ou a pita do monte que tivo aquí os últimos cantadeiros da comunidade. Proliferan os xabarís, corzos, cervos, coellos.

Sen perdida

A principal vía de acceso aos Ancares parte da vila de Becerreá ata Liber, onde se ofrecen tres posibilidades por estradas da rede secundaria e local. Cara ao norte, seguindo o curso do río Navia chegamos á Proba, capital do municipio de Navia de Suarna. O concello conta cun amplo patrimonio artístico e cultural representados pola pintoresca estampa do castelo medieval e a ponte románica de único arco construída en lousa. Pero tamén destacan os vintecinco castros localizados, como os de Cantón e Cabanela unidos por un corredor de 300 metros; catro campos de mámoas; as “alzadas” que eran antigos poboados de verán en zonas elevadas como Bismor ou Tesón; “cortíns” ou alvarizas de colmeas para protexelas do oso; pallozas...
O segundo itinerario desde Liber cara ao sur lévanos ata Degrada, ben pola capital municipal de Cervantes en San Román, ben por Doiras e o seu castelo inexpugnable pola factura da construción pétrea e a súa situación nun outeiro de difícil acceso sobre o río. O castelo, de propiedade privada, tamén é famoso literariamente pola lenda daMuller Cerva, a filla dun pobre encantada por un mouro (personaxe recorrente na mitoloxía popular galega) e cazada traxicamente polo seu irmán.
En Degrada está o albergue dos Ancares e o Centro de Interpretación. Desde aquí parte a ruta a pé de dificultade mediaalta que conduce á Campa de Tres Bispos (1.795 m). Porén, o itinerario máis transitado continúa pola sinuosa estrada ata a aldea de Piornedo. De obrigada visita son as pallozas, vivendas circulares de ancestral orixe habitadas ata o século XX. Algunhas abren ao público como museos deste pasado ben gardado na memoria familiar dos seus propietarios.
Desde a ermida de Piornedo parte a ruta do Mustallar (1.935 m), o punto máis alto dos Ancares lucenses, cuxa ida e volta require todo un día de camiñada por sendeiros de montaña.

Servizos

Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Superficie

Ancares lucenses: 53.664 hectáreas. Ancares leoneses: 56.786 hectáreas nos municipios de Candín, Peranzanes, Vega de Espinareda e Villafranca del Bierzo.

Situación

Leste da provincia de Lugo limítrofe con León. Inclúe os concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte do municipio de Becerreá.

Información e equipamentos

Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES)
C. Interp. Xestión da Reserva Nacional de Caza dos Ancares e Aula da Natureza
Teléfono: +34 982 227 812
Enderezo: Campo da Braña

Outras características

Avistamento de paxaros
Zona de Protección Oso Pardo
Zona ZEPA

Plano

Natureza Espazos naturais ZEC - Rede natura 2000
Arriba