RÍA DE A CORUÑA

Rías e praias
1481

Localización

Coordenadas:
43º 21' 00E-" N - 8º 22' 27.9" W

Descrición

A ría da Coruña ábrese entre a punta do Seixo Branco, polo leste, e punta Herminia, polo oeste, e alóngase cara ao sur ata a desembocadura do río Mero. Polo oeste, aparece flanqueada pola península sobre a que se asenta a cidade da Coruña, mentres que, polo leste, a ría bordea unha costa ondulante que se estira cara ao Seixo Branco.
A intensa humanización do territorio maniféstase na profunda transformación das ribeiras e nun poboamento continuo que ten como núcleo de atracción a cidade herculina, que tende os seus tentáculos económicos bastante máis alá da súa propia ría, converténdose, sen dúbida, na cidade rectora do noroeste de Galicia.
Abrazando a Torre de Hércules, un dos faros máis fermosos de España e o máis antigo en funcionamento do mundo, A Coruña ábrese ao mar por medio dunha sinfonía de madeira e vidro que a converten na Cidade de Cristal. No seu interior, pódense ver fermosas estampas labradas en pedra, igrexas, pazos, rías encantadoras, que son a delicia de calquera visitante.

Todo nesta cidade evoca o mar. Vista dende o ceo, parece que se vai desprender para volver converterse na illa que foi hai miles de anos. Dende a época romana viviu do comercio marítimo e hai apenas douscentos anos aínda o mar lambía as vellas casas da Mariña e dos Cantóns. Os seus portos comercial, pesqueiro e deportivo consolídana na súa vocación mariñeira. O seu paseo marítimo non fixo máis ca aproximar a cidade a este balcón do océano, que é o seu mar. A súa Torre de Hércules é o logotipo en pedra, prendido para sempre na retina de cantos visitan esta cidade.
A ría estaba antigamente defendida polos castelos de Santa Cruz, levantado no século XVII, situado no illote do seu nome, e polo de Santo Antón, construído no século XVI, na actualidade convertido en Museo Arqueolóxico da Coruña.
O porto da Coruña, que mantén a primacía no sector da pesca, especialmente na de altura, que foi historicamente a súa principal fonte de ingresos é, ademais, importante pola súa actividade comercial.

Arriba
Axúdanos a mellorar!