Descrición
A ría de Vigo estírase de suroeste a nordés, a xeito
de lanza mariña que se vai estreitando a medida que
camiñamos cara ao interior. Presenta, non obstante,
unha acusada diferenza respecto doutras rías do sur
de Galicia. Mentres que as de Muros, Arousa ou
Pontevedra se estreitan no seu fondo, a de Vigo faino
en Rande, para volverse abrir de novo formando a
enseada de San Simón, coa illa do seu nome unida
á terra durante a baixamar por unha frecha de area.
Á entrada da ría de Vigo, a xeito de tres naves
pétreas varadas no océano, atópanse as illas Cíes que,
xunto ás illas de Ons, á illa de Sálvora, e á illa de
Cortegada, forman o Parque Nacional das Illas
Atlánticas.
As Cíes presentan formas diferenciadas de oeste
a leste. Cara ao poñente aparece unha liña de costa
brava, inaccesible, con impresionantes acantilados
nos que se abriron numerosos entrantes e covas
(furnas) e nos que aniña unha gran cantidade de
fauna. Pola contra, cara ao interior da ría o relevo é
máis suave, as pendentes son menores e iso propiciou
a xénese de fermosas praias, nas que se mestura
a area cos restos de cunchas. É precisamente neste
sector protexido onde se poden admirar interesantes
mostras da flora atlántica, destacando a camariña.
As Cíes, ás que poden acceder dende Vigo un
número limitado de persoas, non só destacan polo
seu interese natural, senón que, en certa medida,
protexen a ría dos tormentosos temporais atlánticos,
permitindo que numerosas bateas habiten as súas
augas.
A ría de Vigo, debido á súa privilexiada
localización, acubilla non só a cidade que lle dá
nome, un dos mellores portos de Europa, senón
outros lugares que atesouran unha longa historia;
non se pode esquecer que a ría foi eixe comercial
dende os tempos prehistóricos.
Dicía o viaxeiro G. Borrow que Vigo era a feliz
combinación dunha baía "que non ten comparanza
no mundo". O desenvolvemento sufrido a partir de
finais do século dezanove trouxo consigo a xénese
dunha ampla infraestrutura industrial marítima
-estaleiros, fábricas de conserva, porto pesqueiro,
etc.- que a converteu na máis poboada de Galicia.
Conta con espléndidos parques, museos
-contemporáneo, do mar, zoolóxico...- e praias.
Conserva a pequena e mariñeira zona vella do
Berbés, en vías de rehabilitación, e o parque de
Castrelos que é, sen dúbida, o máis fermoso parque
urbano de Galicia. Neste recinto está situado o Pazo
Museo de Quiñones de León, hoxe museo municipal.
Na marxe sur da ría de Vigo ábrese a enseada de
Baiona, na que desemboca o río Miñor. Nos seus
extremos atópanse os portos de Panxón e Baiona,
enlazados polos areais da Ramallosa e Praia
América. En Baiona, hoxe centro turístico de
primeira orde, durante varias centurias concentrouse
o comercio, ata que se produciu o desenvolvemento
espectacular de Vigo. Foi centro mercantil moi
importante durante a Idade Media e segue a ser un
dos refuxios máis coñecidos e frecuentados polas
embarcacións que bordean o litoral de Galicia.
En marzo de 1493, arribou á vila a carabela
La Pinta, ao mando de Pinzón, e pilotada polo
pontevedrés Sarmiento. No seu interior hai igrexas
fermosas, das que destaca a antiga colexiata.
Na marxe setentrional da ría atópase Cangas,
unha vila de forte impulso económico que aínda
conserva o tipismo tradicional das súas rías e vellos
costumes, o mesmo ca Moaña, outra fermosa
estampa mariñeira.
Cara ao nordés, a ría estréitase en Rande, onde
é atravesada pola autoestrada que une Vigo co norte
de Galicia, gracias a unha espectacular ponte
tensada, a xeito de gran batea, que se funde
harmoniosamente coas que cobren a superficie
mariña do seu contorno. Ao traspasar Rande
atopámonos con Redondela, vila marcada polo
ferrocarril e polas súas pontes de ferro.
E, ao fondo da ría, aséntanse Ponte Sampaio,
nome de resonancias liberadoras pola batalla que
acabou co dominio francés en 1809, e Arcade, no seu
tempo un dos viveiros de ostras de maior
importancia en Europa.