ROMARÍA DA NOSA SEÑORA DA BARCA

Festas de interese turístico
2322
No Camiño de Santiago
Datas de celebración: 10/09 - 10/09

Localización

Muxía - A Coruña

Coordenadas:
43º 06' 42.9" N - 9º 13' 08.9" W

Descrición

O santuario da Virxe de Nosa Señora da Barca é un dos lugares de peregrinación máis antigos de Galicia. Conta a lenda que a Virxe chegou aquí para dar ánimos ao Apóstolo Santiago no seu labor evanxelizador, nunha barca de pedra, cuxos restos se atopan entre as grandes moles graníticas que baña o mar xunto ao santuario. Unha delas é a Pedra dos Cadrís, que simboliza a barca, por debaixo da cal pasan nove veces os romeiros nun ritual ancestral para curar os males reumáticos; outra, a que simboliza a vela, é a Pedra de Abalar, unha mole que se balancea baixo os pés cun pouco de paciencia, aínda que a lenda di que só poden facela oscilar as persoas libres de pecado; e, a terceira, a Pedra do Temón, que simboliza o temón da barca. A todas elas atribúenselles propiedades curativas.
A romaría de Nosa Señora da Barca é unha das máis concorridas de Galicia e, como é habitual nelas, é un compendio de relixiosidade, ritos pagáns, comida campestre e troula. Desde o sábado, o camiño que leva ao santuario é unha continua procesión de xente –moitas persoas chegan andando desde as súas localidades de orixe– e vanse colocando os postos da festa. Entre música de gaitas e pandeiretas, os romeiros gozan da súa comida campestre. A troula segue pola noite na localidade, e o domingo pola mañá os devotos acoden á misa ao ar libre no exterior do santuario e á procesión ata a vila onde teñen lugar a bendición das augas e unha enxordecedora traca de foguetes e morteiros.

Camiños de Santiago

Camiño de Fisterra-Muxía

Outras características

Relixiosas
Festas Festas de interese turístico Festas de interese turístico nacional
Arriba
Axúdanos a mellorar!