FESTA DO PEMENTO DE ARNOIA

Festas de interese turístico
1869
Datas de celebración: 04/08 - 06/08

Localización

A Arnoia - Ourense

Coordenadas:
42º 15' 02.0" N - 8º 08' 12.9" W

Descrición

Aínda que desde a noite do xoves hai folións, verbenas, concertos e tamén degustacións de pementos fritos, o primeiro domingo de agosto celébrase o día grande da Festa do Pemento de Arnoia. Máis de catro mil quilos de pementos sérvense ao estilo tradicional (fritos), reenchidos ou en tortilla, regados cos viños do Ribeiro, na carballeira da Queixeira, nunha xornada amenizada en todo momento coa música das charangas. O lugar está acondicionado con mesas, bares, stands de exposición de produtos e todo tipo de servizos, desde atraccións e barracas para os nenos ata un grande aparcadoiro. 

Definido nalgunhas catas como “un produto de alta calidade, unha auténtica delicatessen”, o pemento que se cultiva nestas terras bañadas polo río Arnoia distínguese pola súa cor (gama de verdes que viran ao vermello suave con ocasión da madurez), o seu brillo e tersura, a finura e consistencia da súa carne, o recendo e de modo especial, o seu sabor, que nestas datas de agosto está no seu mellor momento. 

Esta festa popular, nacida en 1980, coincide coas festas patronais e co regreso de emigrantes en época de vacacións, polo que, enchida de eventos culturais e deportivos, actos relixiosos, oficiais e protocolarios, supón o reencontro dos arnoiáns nunha festa popular moi entrañable que desborda cada ano as previsións de público procedente de toda Galicia.

Destacado: Misa con procesión desde a Igrexa Parroquial e ofrenda dos froitos da terra.

Outras características

Gastronómica
Festas Festas de interese turístico Festas de Galicia de interese turístico
Arriba
Axúdanos a mellorar!