A costa da vida
Esta ampla zona de costa entre Malpica e o cabo de Fisterra brinda multitude de hábitats para as aves: cantís (en especial en Malpica e entre Traba e Fisterra), praias e dunas (como Mar de Fóra, O Rostro, Nemiña, Lago, Traba, Laxe ou A Barra), coídos (praias de coios), lagoas (como Traba e a da mina de Coéns), marismas e xunqueiras (salientando a da enseada da Insua), piñeirais, queirogais, toxeiras e terreos de cultivo.
Durante a migración primaveral e outonal, ademais, hai un constante fluxo de aves mariñas fronte aos seus principais cabos que, sobre todo con ventos de compoñente oeste, pode ser espectacular. A estadía invernal de patos e limícolas na desembocadura do Anllóns é moi notable. Cóntanse por milleiros as gaivotas que aniñan nas Sisargas e as migratorias e invernantes que aniñan nas praias de maior tamaño.
E todo iso sen esquecer que nesta zona están as últimas gaivotas tridáctilas e araos que crían en Galicia. A listaxe de aves rexistradas na Costa da Morte é moi ampla; chega ás 296 especies, incluíndo un bo número de rexistros de aves raras, sobre todo americanas, aínda que tamén asiáticas e incluso africanas.