Este espazo natural do extremo norte galego é moi popular entre os observadores de aves. Por que? Só hai que visitar Estaca de Bares con ventos de compoñente norte ou noroeste entre finais de agosto e principios de decembro para ver miles de aves mariñas en paso. 

As mellores atalaias de Galicia para observar a migración das aves

Ou ben parar nas praias de Cariño en inverno buscando gaivotas pouco frecuentes. Tamén se pode, simplemente, pasear pola ría de Ortigueira entre novembro e febreiro e deleitarse con nutridas bandadas de patos e limícolas. Podemos observar aves en catro espazos claramente diferenciados: a Serra da Capelada, a Ría de Ortigueira e Cariño, Estaca de Bares e o mar fronte a toda esta zona.

O primeiro punto, a Serra da Capelada, ten un perfil abrupto, especialmente na zona noroeste, cos cantís máis elevados do sur de Europa (Garita da Herbeira), e un predomino da matogueira rasa. A ría é sinuosa, con multitude de enseadas, canles e prados de plantas adaptadas aos cambios de marea; na zona externa hai amplas praias. Estaca de Bares é un gran promontorio rochoso que constitúe o punto máis setentrional da península ibérica, con escarpados cantís e vexetación rasa de toxos e uces, cunha zona húmida con carriza no seu punto máis resgardado e cultivos arbóreos no resto. O mar fronte a esta zona é un punto sen parangón en toda Galicia (e dos máis importantes de Europa) para observar o movemento de aves mariñas. Ademais, é punto de alimentación de moitas aves que se reproducen na zona. 

Os roteiros

Roteiro en coche “Gavia”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de outubro a mediados de febreiro

DISTANCIA

37 km

DURACIÓN

Toda unha mañá ou unha tarde. Mellor con media marea e baixando

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cariño, Ortigueira

PERCORRIDO

Porto de Espasante - Ladrido - Porto de Ortigueira - A Senra - Mera - Embarcadoiro de Sismundi - Figueroa - Praia de Fornos

Puntos clave da ruta:

  1. No porto de Espasante (1) podemos ver o arao, a mobella grande e o gaivotón real.
  2. Desde o embarcadoiro de Ladrido (2), con marea chea, podemos avistar limícolas e patos repousando lavanco, píldora cincenta e mazarico real).
  3. Na vila de Ortigueira (3) dirixímonos ao porto e, con media marea ou marea baixa, buscamos os grupos de pato asubiador común, pato rabilongo e tamén o mazarico chiador e o bilurico escuro.
  4. Máis ao sur, desde o muíño de mareas da Senra (4), podemos ver os grupos de patos máis de preto e atopar, con algo de sorte, a garzota grande.
  5. Logo de pasar San Claudio, e fronte ao complexo hostaleiro "A Ría" (5), podemos ter unha excelente visión do esteiro do río Mera (onde veremos patos e biluricos claros).
  6. Desde o embarcadoiro de Sismundi (6), case con calquera marea é posible ver mobellas grandes e mobellas árticas e mergullóns reais e de pescozo negro.
  7. Antes de chegar á vila de Cariño desviámonos á dereita cara a Figueroa, Figueiras e a praia de Fornos (7), onde observaremos pentumeiros e mobellas.

Roteiro en coche “Morinellus”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de setembro a comezos de maio

DISTANCIA

21 Km

DURACIÓN

Toda unha mañá ou unha tarde

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cariño, Cedeira

PERCORRIDO

Santo Andrés de Teixido - Garita da Herbeira - Cariño - Porto de Cariño - Cabo Ortegal

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a ermida de Santo Andrés de Teixido (1) (onde se atopan corvos e cardeais, subimos ata O Teixidelo e Meizoso (2), onde é posible observar a pica alpina, o úbalo europeo ou a escribenta amarela.
  2. Na Herbeira (3), xunto ao parque eólico e á garita, podemos localizar merlos papobrancos na primavera e escribentas das neves no inverno. A pica alpina está presente todo o ano.
  3. Na baixada a Cariño (4) hai unha zona de prados onde invernan a píldora dourada e a laverca común. A continuación, unha franxa de piñeiros vetustos (5) onde cría o úbalo europeo e pode observarse o paso do papamoscas negro. Alí inverna a arcea común.
  4. No centro de Cariño podemos achegarnos ás praias da Abasteira (6) e Cariño (7) para observar a gaivota cana, a arxéntea europea e o gaivotón real. Logo iremos ao porto para ver pilros gordos, picas costeiras e álcidos.
  5. No cabo Ortegal é posible que localicemos corvos mariños cristados, falcóns peregrinos, merlos azuis e, algúns invernos, azulentas alpinas.

Roteiro a pé ou en bici “Cisticola”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de agosto a mediados de abril

DISTANCIA

9 Km

DURACIÓN

Unhas 4 horas a pé e unhas 2-3 horas en bicicleta (incluíndo o regreso)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Ortigueira

PERCORRIDO

Ortigueira (centro) - Lagoa de San Martiño - Praia de Morouzos - Os Casás - Ortigueira

Puntos clave da ruta:

  1. En Ortigueira paramos no porto (1) para ver anátidos, limícolas e o picapeixe.
  2. Máis ao norte, na lagoa de San Martiño (2), é posible que gocemos da carriza dos xuncos, o picafollas ibérico e o cardeal común.
  3. Percorremos a cabeceira da praia de Morouzos (3) buscando ferreiriños cristados no piñeiral e, nas noites do verán, avenoiteiras cincentas; en inverno poderemos atopar a arcea común.
  4. No extremo leste da praia (4), con marea chea, podemos ver grupiños de limícolas descansando, entre elas píldoras cincentas, mazaricos reais e pilros comúns.
  5. Nos Casás (5), en inverno, contra a xunqueira é posible detectar a rara becacina pequena.

Roteiro a pé ou en bici “Pyrrhula”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de agosto a mediados de abril

DISTANCIA

16 Km

DURACIÓN

Unhas 5-6 horas a pé e unhas 3-4 horas en bicicleta (incluíndo o regreso)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Ortigueira

PERCORRIDO

Porto de Espasante - Castro de Punta dos Prados - Localidade de Espasante - Praia de Santo Antonio - Os Pumares - Mazorgán - Campos do Sarridal e regreso

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o porto de Espasante (1), onde habemos albiscar gaivotas e pentumeiros comúns, avanzamos por unha pequena península cun interesante castro (2) no que é posible ver papuxas cabecinegras e folosa políglotas.
  2. Desde a vila de Espasante baixamos á praia de Santo Antonio (3), que frecuentan a gaivota arxéntea europea e mais o mascato do atlántico.
  3. Entre Os Pumares e Mazorgán (4) hai zonas con sebes e pequenos bosques con salgueiros nos que se localizan o picanzo vermello, o cardeal común e, en migración, a pica das árbores e o papamoscas negro.
  4. Nos campos do Sarridal (5), con vagas de frío, é habitual atopar grupos de píldoras douradas e avefrías comúns, ademais de lavercas.
  5. Fronte ao Sarridal hai illotes con presenza do corvo mariño cristado. Mar a fóra, ventando do norte, podemos observar o movemento de aves mariñas.

Roteiro a pé ou en bici “Scolopax”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de agosto a mediados de abril

DISTANCIA

10 Km

DURACIÓN

Unhas 4-5 horas a pé e unhas 2-3 horas en bicicleta (incluíndo o regreso).

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Mañón

PERCORRIDO

Porto de Bares - Semáforo de Bares - Estación ornitolóxica - Vila de Bares - Porto de Bares

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o porto de Bares (1), onde é posible albiscar carolos e araos, subimos ata o semáforo de Bares (2), onde veremos arceas e corvos.
  2. No semáforo é habitual a presenza en migración da pica das árbores, o rabirrubio de testa branca e o papamoscas negro.
  3. Na baixada á estación ornitolóxica, na carriceira da Condomiña (3) habemos anotar o rousinol común, o papoazul e a folosa dos xuncos.
  4. Desde a estación ornitolóxica (4), con ventos de compoñente norte e oeste, podemos gozar de aves mariñas en migración entre agosto e decembro, e de paseriformes sedimentados entre agosto e outubro.
  5. En Vila de Bares (5) é habitual o chasco norteño e o rabirrubio de testa branca en migración, e hai rexistros da observación do bufo pequeno.
As aves

Na Capelada podemos contemplar, dependendo da época, aves tan interesantes como merlo papobrancos, úbalos europeos criando e escribentas das neves. No cabo Ortegal se cadra veremos aves rupícolas (de cantil) e en inverno, na praia e no porto de Cariño, multitude de aves mariñas. As mobellas e mergullóns poden observarse desde Sismundi e, cara ao interior da ría, bandadas de patos (sobre todo o asubiador común e o pato rabilongo) e limícolas dominan a paisaxe invernal. Ladrido, cos seus durmidoiros de limícolas en marea chea, e Espasante, onde podemos ver gaivotas raras, son a antesala do observatorio da migración de aves mariñas por excelencia en Galicia: a punta de Estaca de Bares.

 

Consellos e recursos
  • Nos percorridos polas proximidades dos repousadoiros de limícolas, debemos evitar calquera tipo de molestia ás aves.

  • Desde Estaca de Bares, cabo Ortegal, Mera, Ladrido e a praia do Sarridal, é recomendable o uso dun telescopio para observar as aves.

  • Existe unha estación ornitolóxica en Estaca de Bares. A chave pode solicitárselle á delegación da Coruña de Conservación da Natureza (teléfono: 981 184 539). O Centro Arqueolóxico "Federico Maciñeira"-Museo "Ortegalia" en Ortigueira inclúe unha exposición permanente de natureza (teléfono: 981 402 413).

Arriba