A ruta parte das proximidades do edificio do Concello de Parada de Sil e comparte o seu tramo inicial coa ruta 4, "Os Torgais". Tras abandonar Chamoso, o percorrido diríxese cara ao Couto e cara ao Coutiño, onde se atopa a ligazón coa ruta 2, a "Circular de Nogueira de Ramuín", que vén en sentido contrario desde O Mato.
Seguindo a aba do monte Meda, por pistas e camiños, o itinerario diríxese cara ás aldeas de Guendón e Casa do Vento, onde arrinca un descenso que remata no encoro da Hedrada. Un camiño paralelo á beira dirixe o ciclista ata Pradomao, desde onde se ofrece unha boa panorámica do encoro ao completo. Ao chegar ao cemiterio de Forcas, e logo de cruzar un pequeno prado, poderemos gozar dun sendeiro de gran beleza ata conectar coa ruta 5, "A Fábrica da Luz", e continuar cara á aldea de Santo André.
Nesta parte do percorrido atopamos pequenos núcleos de casas, coma Calvos, Purdeus, O Valado e A Casalta. Ao alcanzar a zona dos muíños de Entrambosríos, hai que afrontar unha dura subida por un camiño de pedras. Aquí recoméndase baixar da bicicleta arredor de quince minutos para recuperar forzas e así alcanzar a estrada.
Os últimos metros do percorrido realízanse por un camiño en sentido ascendente cara a Pardela, que remata na poboación de Parada de Sil.