mailto:?subject=Envio de contido de Turismo de Galicia: COSTA ÁRTABRA&body=Recoméndoche que leas a información COSTA ÁRTABRA extraída do portal de Turismo de Galicia na páxina https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/16866/costa-artabra?langId=gl_ES%26ctre=9%26tp=1
Camiño dos sete faros
O Magnus Portus Artabrorum é o nome con que os
romanos denominaron un lugar do ángulo
noroeste da costa de Galicia, entre as rías de Ares
e a de Ortigueira, cuxo emprazamento exacto
descoñecemos. Cen quilómetros de liña costeira
coas combinacións paisaxísticas de mar e terra
máis espectaculares do arco atlántico: tres rías,
areais xenerosos en ondas e dunas, lagoas litorais
e os cantís máis altos de Europa. Este é un lugar
declarado de alto interese xeolóxico, e o seu
renome internacional xustificaríase por si só na
variedade de rochas na que se alicerzan estas
auténticas serras como a da Capelada debruzadas
sobre o océano. Na súa aba sitúase un dos lugares
de peregrinación máis ancestrais, Santo André de
Teixido, onde o dito popular claramente afirma que
vai de morto o que non foi de vivo. En verdade é
unha das mecas da Galicia máxica cos seus ex votos
de miga de pan e a súa capela dos ofrecidos.
Neste treito cóntanse ademais numerosos e humildes faros. Os camiños por terra que ata eles conducen contaxian a
emoción escénica dese fronte a fronte coa inmensidade. Na ría de Ferrol, o do cabo Prioriño e, un pouco máis ao norte, o
seu irmán do cabo Prior son dúas desas pequenas luces solitarias. Entre elas sitúase a praia de Doniños que posúe a
primeira das lagoas litorais características desta zona. Supera en profundidade ás dos outros areais de San Xurxo ou Pantín,
tamén con espazos lacustres de auga doce. Con todo, a meirande é a lagoa da Frouxeira, a única de augas salobres, situada
na praia de Valdoviño. Trátase dunha zona húmida protexida e importante acubillo de aves.
Acceso
As Lagoas de Doniños e Valdoviño, están
próximas a Ferrol. Á Serra da Capelada desde
Cedeira ou Cariño por estradas locais. A Cabo
Ortegal, desde Cariño.
Camiños de Santiago
Camiño Inglés
Situación
Costa setentrional da Coruña. Concellos de Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Mugardos e Ares.
Superficie
7.658,53 ha, das cales 548 ha son augas
mariñas.
Servizos
Aloxamento: Si.
Comer: Si.
Sen pérdida
Desde Cedeira, as posibilidades de acceso aos treitos máis espectaculares desta costa son varias. Algunhas curtas como a
que parte cara ao faro da punta Candieira, con pronunciadas curvas finais que poden asustar aos propensos de vertixe.
Outra un pouco máis intensa en dirección a Santo André de Teixido é a estrada local que sobe ata o cruceiro do Chan dos
Cadrís co seu espectacular miradoiro antes de principiar o descenso ata o lugar de peregrinación rodeado de tipismo.
Entre este santuario de Santo André de Teixido e Cariño atravesa a Serra da Capelada unha das estradas máis aventureiras
de Galicia. Con doses de precaución achará cabalos e vacas que aquí se pastorean en liberdade entre aeroxeradores a
alturas que oscilan entre os 500 e 600 metros literalmente sobre o nivel do mar. Os cantís na Vixía de Herbeira (613 m)
ostentan o récord de ser os máis altos do vello continente.
Con todo a visita ficaría incompleta sen a rematar no faro do Cabo Ortegal, accesible desde a localidade de Cariño,
contemplando Os Aguillóns, afiadas rochas emerxentes dun mar en perenne furia.