IGREXA VELLA DE OLVEIRA

Relixioso
1106
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Olveira (Santa María)

Lugar: Olveira

Rúa Eirexa 66

15969  Ribeira - A Coruña

Coordenadas:
42º 35' 25.9" N - 9º 01' 57.9" W

Descrición

O templo foi construído, segundo se le no arco, en 1742, para substituír o anterior de estilo románico. Escavacións recentes permitiron descubrir restos románicos como a cripta, unha escaleira entre muros, un "Agnus Dei" e dúas columnas cos seus capiteis. A construción actual é dunha única planta rectangular, capela no lateral sur e sancristía engadida á cabeceira. A nave principal divídese en catro tramos con tres arcos faixóns de medio punto apoiados sobre pilastras pegadas aos muros e contrarrestadas no exterior por contrafortes. A cuberta é a dúas augas. Os muros son de cantería de granito. No primeiro tramo da nave está a tribuna á que se accede por unha escaleira en forma de "L" no interior muro, dende esta accédese ao campanario. A fachada principal é de gran sinxeleza, nela ábrese a porta de arco rebaixado, sobre esta un frontón triangular formado por molduras cunha imaxe da Virxe no tímpano. A continuación ábrese unha ventá rectangular. Remata en cornixa a dúas augas, no seu vértice unha peaña sostén o corpo da torre formado por catro machóns unidos entre si por arcos de medio punto e rematada por unha cúpula cónica coroada por un pináculo.

Acceso

Dende Ribeira, tomamos a estrada xeral C-550 en dirección a Porto do Son e Noia. Aproximadamente a 2 km do núcleo urbano atopamos unha rotonda na que tomaremos a 2ª saída. Na seguinte rotonda tomamos a 3ª saída en dirección a Corrubedo pola estrada CP-3704. A 4,5 km, aproximadamente, desta segunda rotonda atopamos un desvío á dereita indicado para a Igrexa Vella. Seguimos a estrada durante 300 metros e no lado dereito atopamos a igrexa.

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla

Estilos

Neoclásico
Arriba
Axúdanos a mellorar!