Entrando case na década dos anos 70, as augas do Miño, que fertilizaban un amplo val, foron detidas. Décadas despois, algunhas aves aproveitan as novas condicións do val.

Un punto de atracción para as aves acuáticas

Pola contra do que sucede con moitos outros encoros, as beiras deste conservan unha densa vexetación que lle permite acoller unha rica comunidade de aves. A superficie de auga ten máis de 10 km de lonxitude e quilómetro e medio escaso na súa parte máis ancha, próxima á presa. A contorna atópase rodeada de viñas.

Ao encoro chegan numerosas aves acuáticas para nidificar, pero sobre todo para invernar. Nas proximidades, as ribeiras do seu tributario, o río Avia, permiten observar un bo número de aves.

Os roteiros

Roteiro en coche ou en bicicleta: San Paio - Astariz

MELLOR ÉPOCA

De decembro a marzo e de abril a xuño

DISTANCIA

12 Km

DURACIÓN

1,5 horas en coche e 3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Castrelo de Miño, Ribadavia

PERCORRIDO

San Paio - Astariz

Puntos clave da ruta:

  1. Na lámina de auga son frecuentes os mergullóns cristados, así como os patos chupóns e os cristados.
  2. Pode parecer paradoxal, pero un tendido de alta tensión (1), que ten un dos seus apoios no pantano, serve de repousadoiro a numerosas aves, especialmente a corvos mariños grandes.
  3. Habemos atender aos bosques de ribeira polos que pasa o camiño (2), posto que son excelentes para o rousinol e o picafollas ibérico na primavera e para o rousinol bravo todo o ano.
  4. Débense observar con detención as aves que voan sobre o pantano e a súa contorna. Na primavera han ser xeralmente millafres negros, pero ocasionalmente vese aguia pescadora en migración.

Roteiro a pé ou en bicicleta: Ribadavia - A Quinza

MELLOR ÉPOCA

De abril a xuño

DISTANCIA

5,5 Km

DURACIÓN

2 horas a pé e 1 hora en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Ribadavia

PERCORRIDO

Ribadavia - A Quinza

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos de Ribadavia (1), onde podemos observar abondosos cirrios e andoriñas de cu branco na primavera.
  2. Seguimos pola beira do río Avia cara ao norte (2), deténdonos para observar a lavandeira real na ribeira e nos rápidos.
  3. Nos abondosos bosques de ribeira (3) podemos observar rousinois comúns e bravos e escribenta común na contorna
As aves

Durante o inverno chegan ao encoro diferentes aves acuáticas como o pato chupón e o cristado, ademais do abondosos corvos mariños grandes e garzas reais, entre outras. Na primavera, os mergullóns cristados son habituais, igual que os millafres negros.

Consellos e recursos
  • As aves das zonas húmidas son sensibles, polo que debemos manter as distancias. En concreto neste encoro as aves poden estar lonxe, polo que é importante usar telescopio.

  • O itinerario a pé desde Ribadavia é ideal para iniciarse na observación de aves pola súa comodidade e accesibilidade.

Arriba