A mediados do pasado século, as augas do Sil foron retidas, pero iso non parou a súa vida, que se viu transformada. Unha gran zona húmida de pouca profundidade cun excelente bosque de ribeira acolle un bo grupo de interesantes aves acuáticas.

Oasis no Sil

Trátase dun encoro dun quilómetro e medio de longo por uns 600 metros de largo, sobre o val do río Sil, que foi construído na década dos anos 50 do século pasado. Dúas vilas flanquean  o encoro, A Rúa e Petín, e aínda así queda espazo para a natureza, especialmente na cola do encoro, onde a escasa profundidade e a existencia de sedimentos permitiron que se desenvolvese un gran bosque de ribeira que acubilla unha interesante fauna.

É un lugar facilmente accesible a pé que permite unha visita tan sinxela como chea de aves.

Os roteiros

Itinerario a pé ou en bicicleta: A Rúa - Cola do encoro

MELLOR ÉPOCA

De setembro a xuño, especialmente xaneiro, febreiro e maio

DISTANCIA

1,8 Km

DURACIÓN

1 hora a pé, media hora en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Rúa, Petín

PERCORRIDO

A Rúa - Cola do encoro

Puntos clave da ruta:

  1. Na lámina de auga (1) son frecuentes os mergullóns cristados, así como patos de diferentes especies, especialmente no inverno.
  2. Ao sur do encoro (2) encontramos un gran bosque fluvial, no que se poden atopar, durante a primavera, niños de garzas reais.
  3. Na primavera e a primeiros do verán son frecuentes os millafres negros e as cegoñas brancas.
  4. Nas ribeiras atopamos especies como o rousinol bravo e mais o común, a papuxa das amoras ou o peto verde.
As aves

Ao longo do ano podemos observar unha serie de aves acuáticas características, como o mergullón cristado e a garza real. No inverno súmanse varias especies de anátidos e os corvos mariños grandes. Na primavera son frecuentes os millafres negros e a cegoña branca. Os bosques da ribeira son frecuentados todo o ano por pequenas aves.

Consellos e recursos
  • As aves das zonas húmidas son sensibles. Respectaremos o seu benestar observándoas desde a periferia, polo que un telescopio é unha ferramenta case indispensable.

  • Pola súa accesibilidade e comodidade, este é un enclave ideal para iniciarse na observación de aves acuáticas.

Arriba