Para finalizar o percorrido polos “10 lugares únicos de Galicia”, chegamos ata o concello da Guarda no que se atopa o castro de Santa Trega. Dende el, poderedes obter a “mellor panorámica castrexa entre dous países”. Como non pode ser doutra maneira, as vistas dende alí son inmellorables: Galicia, capitaneada polo porto da Guarda, o poderoso océano Atlántico e a veciña costa portuguesa conforman o horizonte.
O mellor é levar unha boa cámara que inmortalice este momento.
A panorámica ten aínda máis valor se facemos unha viaxe no tempo: os habitantes do castro xa gozaban destas magníficas vistas dende as súas vivendas. Por suposto, a situación do asentamento non se debía ás paisaxes, senón máis ben a razóns estratéxicas e de seguridade pois, deste xeito, tiñan controlado o tráfico marítimo e a desembocadura do río Miño.