Facemos agora un alto especial no percorrido para facer algo especial: collede a vosa roupa deportiva, unha mochila e calzado cómodo, pois non debedes deixar Galicia sen facer, alomenos un pequeno tramo do Camiño de Santiago. Este posúe os seus propios segredos, que agardan ser descubertos por todos vós.

A ruta de peregrinación a Santiago xogou un rol fundamental en facilitar o intercambio cultural entre a Península Ibérica e o resto de Europa durante a Idade Media. Así, o Camiño de Santiago foi declarado Primeiro Itinerario Europeo de Interese Cultural polo Consello de Europa. O coñecido como Camiño Francés foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Esta é a ruta que ten unha meirande tradición histórica e a máis coñecida internacionalmente. Comeza en Roncesvalles (Navarra) e chega ata Santiago de Compostela, logo de percorrer 750 quilómetros. Trátase, pois, dun camiño que une Europa co norte de España percorrendo recollidas igrexas, pontes, catedrais, mosteiros… sempre co verde como pano de fondo.

 

Se queredes obter a Compostela, debedes facer  os últimos 100 quilómetros a pé ou dacabalo ou os últimos 200, en caso de facelo en bicicleta. Non esquezades que a credencial do peregrino debe estar debidamente cumprimentada, con polo menos 2 selos ao día. O ideal sería facelo dende Sarria, pois dista da cidade compostelá uns 113 quilómetros.

No camiño dende Sarria, entraredes en contacto co corazón da Galicia máis rural, atravesando as provincias de Lugo e A Coruña. Durante o percorrido, pasaredes por carballeiras, soutos e praderías nas que poderedes ver as vacas de raza rubia galega ou frisoa pacendo tranquilamente. Esta é, sen dúbida, a mellor oportunidade para ver de preto como é a vida no campo e para enchouparvos do aire puro destas verdes terras.

Aproveitade, ao voso paso polo concello de Arzúa, para probar os seus saborosos queixos con denominación de orixe: un delicioso alto no camiño para descansar e repoñer forzas.

Continuando co camiño, sempre coa natureza como compañeira de viaxe, irémonos pouco a pouco achegando a terras de Santiago. Un último esforzo levaravos ata a aldea de San Marcos, última etapa antes de alcanzar o Monte do Gozo. Dende alí, os peregrinos divisan a cidade de Santiago de Compostela: as torres da catedral son o mellor aliciente para continuar pese ao cansazo acumulado. Ademais, moi probablemente coincidades con outros grupos de peregrinos, o cal aínda lle dará máis emoción ao momento. Dende alí, iredes descendendo ata alcanzar San Lázaro para ir, sen présa pero sen pausa, cara á vosa meta final, non sen antes percorrer o popular barrio de San Pedro ou atravesar a Porta do Camiño e a Praza de Cervantes. Cando cheguedes á monumental Praza do Obradoiro, a emoción apoderarase de vós: o son da gaita de fondo, a catedral como protagonista do momento, o cansazo acumulado e a sensación de ter cumprida unha meta, un desexo.

Interésache...
- Máis info en www.caminodesantiago.gal

Arriba
Axúdanos a mellorar!