A nosa especial viaxe pasa pola cidade de Lugo, cuxa muralla é o exemplo que mellor sobrevive de todas as fortificacións militares romanas. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a muralla é un exemplo excepcional do tipo de construción que ilustra varios períodos significativos da historia humana.
Dende as súas orixes romanas, pasando pola axitada época medieval ata o innovador e revolucionario século XIX, conforma un monumento singular que proba as distintas facetas da evolución dunha cidade como Lugo a cal é, en si mesma, un importante conxunto histórico-artístico dende a orixinal Lucus Augusti.
En Lugo todo xira ao redor da muralla, esta é o corazón da cidade. Subir ao seu adarve e percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario transportaravos a outros tempos pero, sen dúbida, a xente paseando, falando ou facendo deporte fará que vos deades de conta de que a muralla está máis viva ca nunca, pois parece unha rúa máis desta encantadora cidade.Ao redor da muralla, Lugo posúe outro importante patrimonio que debedes visitar unha vez que vos encontredes na cidade, como o burgo vello ou a catedral.