E, continuando coa temática xacobea, o noso percorrido continúa cara ao cabo Fisterra pois no auxe das peregrinacións había quen, logo de visitar o sepulcro de Santiago, prolongaba a súa viaxe ata estas terras para realizar un percorrido marcado no ceo pola Vía Láctea.
Fisterra foi considerado durante a Antigüidade como a fin do mundo coñecido. De feito, a súa posición xeográfica e os impresionantes solpores fixéronlle crer a Décimo Xuño Bruto (xeneral romano que dirixiu a conquista de Galicia) que este era, efectivamente, o lugar onde morría o sol. O contorno deste cabo foi un lugar máxico dende antigo, pois dise que neste lugar se atopaba a Ara Solis un altar, segundo di a lenda, no que os fenicios practicaban o culto ao sol. Así pois, animámosvos a facer un percorrido por este recuncho das nosas costas onde a maxia do lugar guiará os vosos pasos.