Descrición
Entre a punta do Faro, ao leste, e a punta Fuciño
do Porco, ao oeste, abrese a boca da ría de Viveiro
que, a xeito de uve encaixado, penetra cara ao sur,
onde se funde co val do río Landro, que discorre no
medio de abas empinadas. O feito de estar encaixada
entre outeiros, facilita a ascensión a varios deles e, de
aí, as vistas que podemos contemplar dende este
lugar. Así, se subimos ata o monte Faro ou ata
o monte de San Roque, neste caso ao pé dunha
fermosa ermida, podemos contemplar en toda a súa
amplitude as paisaxes costeiras.
A ría e os seus arredores combinan elementos
gratos para calquera viaxeiro. Non só se pode
admirar a fermosa e recollida vila de Viveiro, que
centra a actividade administrativa e comercial da
comarca, e que garda moitos dos restos do seu
pasado medieval, senón que tamén se pode visitar o
porto pesqueiro de Celeiro ou a praia de Area, onde
a lenda fala da existencia dunha cidade asolagada,
como castigo pola súa resistencia a aceptar do
apóstolo Santiago a predicación do Evanxeo.
De orixe medieval, Viveiro foi considerado por
Molina no século XVI como "unha das xentís vilas
deste reino". Comercial e pesqueira durante séculos,
foi no século XIX importante centro mineiro. Dende
1891, ten o título de cidade. O conxunto da parte
antiga segue a ser un dos máis fermosos de Galicia.
Da antiga muralla, Viveiro aínda conserva tres
portas: a Maior ou Porta do Castelo (século XVI),
declarada Monumento Nacional, a do Valado e a da
Vila. No seu interior sobresae a igrexa románica de
Santa María do Campo, do século XII, ou a gótica de
San Francisco, do século XIV. Ademais, nas súas
proximidades atópase San Pedro de Viveiro, antiga
sede da cidade (Monumento Nacional), o convento
de Miraflores, ou o lugar do Naseiro, onde se
celebra, a finais de agosto, unha típica romaxe. Nos
seus arredores atópase o bosque de Chavín, cos seus
espectaculares eucaliptos.
Na marxe occidental da ría, Covas converteuse
nunha zona residencial e turística e os seus edificios
contrastan fortemente cos do núcleo antigo.