Aves entre rochas, bosques e viñedos
Practicamente desde a súa entrada en Galicia e ata a confluencia co Miño, o río Sil ábrese paso de leste a oeste encaixado nun profundo val que separa as provincias de Lugo e Ourense. Boa parte deste tramo está dominado por grandes paredes e penedías graníticas que se deitan sobre as augas dun Sil hoxe encorado.
As abas con orientación sur gozan dunha grande insolación, o que permitiu desde hai séculos cultivar alí as viñas, moitas deles en pequenos viñedos abertos practicamente entre as rochas. A vexetación natural que crece nestas ladeiras sollías está composta por aciñeiras, sobreiras, albedros e outras especies mediterráneas; as abas con orientación norte, pola contra, albergan carballeiras (ocasionalmente mesturadas con soutos) ben preservadas polo vertixinoso desnivel. Nos bordos, pequenas aldeas rodeadas de cultivos e pastos completan o marco xeneral dun espazo de gran heteroxeneidade ambiental.