Nesta experiencia comprobaremos os beneficios da talasoterapia, comeremos á beira do mar e coñeceremos un poboado galaico-romano da Idade de Ferro.

Propoñémosvos explorar a arte de facer viño no Val do Rosal. Os viñedos encáixanse en paisaxes de gran beleza, nunha natureza favorecida pola suavidade do clima e a influencia marítima e fluvial. Tamén é aquí onde o Atlántico recibe ao río Miño e onde este nos une ao veciño Portugal.

O seu carácter fronteirizo dálle un aire misterioso con paisaxes que agochan poboados prehistóricos, como o Monte de Santa Tegra. Nesta proposta convidámosvos a coñecer algunhas das adegas máis emblemáticas do Rosal, pero non deixedes de considerar as moitas posibilidades que ofrece esta subzona e visitar as instalacións doutras marcas vitivinícolas da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Máis información...
- Adegas Terras Gauda. www.terrasgauda.com
- Adega Quinta Couselo. www.quintacouselo.com
- Talaso Atlántico. www.talasoatlantico.com

Día 1º

En Oia, do talaso ao mosteiro

O noso punto de destino é Oia, concello da comarca do Baixo Miño, onde se asenta o Val do Rosal. Chegamos dende a PO- 552 pola costa. A súa oferta hoteleira inclúe un hotel talaso, onde podemos aloxarnos se nos apetece maridar viño e mar, unha fórmula xa ensaiada con éxito nestas terras.

Recomendámosvos chegar ao hotel a primeira hora da tarde para aproveitar as propiedades mineiromedicinais da auga do mar nos espazos termolúdicos do talaso. Tamén podedes organizar unha excursión, unha visita tranquila polo contorno ou realizar unha actividade lúdica. Unha boa opción é achegarse ao Mosteiro de Santa María de Oia, a uns minutos en coche dende o hotel. De paso que admiramos a súa monumentalidade e situación, á beira do mar, descubrimos o lugar onde comezou a historia do viño do Rosal. Aos monxes cistercienses que o habitaron dende o século XII atribúeselles o mérito da boa arte de cultivar a vide nestas terras.

A ruta dos petróglifos da Pedreira

Trala visita suxerímosvos unha excursión seguindo a ruta dos petroglifos de A Pedreira, no Miradoiro da Riña, dende o que observamos unha panorámica excelente sobre a enseada e o Mosteiro de Oia. O sendeiro está sinalizado para poder seguir e identificar este conxunto de enigmáticos petróglifos prehistóricos a base de liñas e cazoletas facilmente visibles.

De cea, produtos do mar, cogomelos ou cordeiro

De regreso a Oia podemos cear no hotel ou optar pola oferta gastronómica dos bares e restaurantes dos arredores. Nas súas cartas destaca o percebe, o polbo, a nécora e o ourizo de mar. Tamén inclúen receitas con cogomelos da montaña, cando é a temporada, e algas de distintas clases. Ademais, gozan de fama merecida na zona os queixos e chourizos de Torroña ou o cordeiro de Santa Comba.

Día 2º

Visitamos varias adegas, comemos á beira do mar e camiñamos polo Monte Santa Tegra

Propoñémosvos dedicar a mañá a percorrer as paisaxes privilexiadas do Val do Rosal para descubrir a arte de facer viños coa axuda de dúas adegas significativas na zona, asentadas onde o Miño se une co Atlántico. Seguimos a mesma estrada costeira PO-552 ata a localidade da Guarda e logo dirección Tui.

As Adegas Terras Gauda

En media hora alcanzamos O Rosal, onde se sitúan as Adegas Terras Gauda. Vemos unha orografía suave, levantada entre 50 e 150 metros sobre o nivel do mar e ondulada por pequenos outeiros. Neste contorno atópase a adega, flanqueada por bosques de piñeiro e eucalipto e pola súa ampla extensión de viñedos. Son os mesmos que percorreremos na visita.

A adega aséntase moi preto da desembocadura do río Miño por terras da Guarda. Pola súa situación no val, goza dun microclima excepcional, caracterizado por temperaturas suaves, xeadas moi escasas e abundantes precipitacións. Este aloumiño orográfico e climático e o traballo dos seus profesionais dan como resultado uns caldos que chegan ás mesas dos mellores hoteis do mundo. Explicarannos como funciona a súa aposta por facer convivir a nobreza do albariño con outras variedades da zona, como a loureiro ou a delicada caíño branco. A visita conclúe cunha degustación na súa tenda.

A Adega Quinta Couselo

Tras despedírmonos, seguimos pola PO-552 e logo incorporámonos a unha rede de estradas provinciais para chegar á Adega Quinta Couselo, que toma o nome do lugar onde se asenta. A nosa visita discorre por unha antiga herdade que estivo en mans da Orde do Císter no século XII. Aquí levántanse os emparrados de vide nunha pequena extensión. A adega instálase nun pazo rústico de máis de 200 anos, típico da arquitectura rural galega. Hórreo, roda de carro e apeiro de labranza conviven no xardín.

Unha das estancias da adega dedícase a destilar os bagazos de albariño, loureiro e caíño. Estas novas augardentes galegas son parte da milenaria arte dos augardenteiros, transmitida de pais a fillos. A súa elaboración inspírase na tradición artesanal dos poteiros do Rosal. Comprobamos como a adega harmoniza este acervo coa fecundidade da súa terra, destilando augardentes e macerando nelas produtos tan exquisitos como os mirabeis.

Comemos no porto da Guarda

Tralo percorrido pensamos onde xantar. Peixes e mariscos ou carnes brancas maridan á perfección cos viños desta terra. Degustalos nos restaurantes e locais de tapas fronte ao porto da Guarda pode resultarnos unha idea atractiva. Un manxar típico aquí, en temporada, é a lamprea, pescada no estuario do Miño por ser zona de tránsito para a especie cando remonta o río para desovar. Se vos tenta o marisco sabede que a localidade é coñecida como a “capital da lagosta”, con festa propia en xullo; e tamén é dona dun doce exquisito, a rosca de xema.

Para repousar a comida daremos un paseo pola zona portuaria da Guarda, onde nos sorprenden as casas típicas dos mariñeiros, estreitas, de varios pisos e gran colorido. No dique sur, coñecido como “dique dos mariñeiros”, é doado entreternos observando as faenas dos pescadores, as embarcacións e os aparellos de pesca. Non esquezamos que esta actividade está moi arraigada na Guarda. A súa frota é das máis importantes de España para a captura de peixe espada.

Visita ao Monte de Santa Tegra

No Monte de Santa Trega atópase unha das mostras da cultura castrexa máis significativa e mellor conservada de Galicia. Trátase dun poblado galaico-romano orixinario da Idade de Ferro, aínda que viviu o seu apoxeo nos séculos I antes e despois de Cristo coa chegada dos romanos. No ascenso ao monte obtemos impresionantes panorámicas da localidade da Guarda, do estuario do Miño e a súa desembocadura no Atlántico, o Val do Rosal, a Serra da Groba e o veciño Portugal.

Para os máis deportistas, a ruta de sendeirismo homologada PRG-122 conduce ao cume do monte. A cada paso descubrimos unha vista diferente da comarca, ata chegar aos primeiros muros do antigo poboado. Camiñaremos sobre as súas rúas empedradas, entre os restos das vivendas, antigos almacéns ou talleres. E aproveitaremos para facernos unha foto ante unha das casas reconstruídas, que nos dan unha idea de como vivían os seus habitantes.

Outra opción é subir en coche pola estrada de acceso ao monte, ata chegar ao poboado, visitalo con calma e logo continuar ata o cume. Á nosa dereita observaremos un viacrucis e unhas extraordinarias vistas sobre o océano.

Unha visita ao museo arqueolóxico permitiranos coñecer a espléndida colección de esvásticas atopadas nas escavacións e o remate dos torques, motivo central da exposición. De influencia romana encontramos estelas funerarias antropomorfas e unha importante mostra de moedas. O museo conta cunha tenda onde se poden adquirir pezas de cerámica típica e artesanal. Tamén hai varios restaurantescafetería onde tomar un refrixerio. Ao remate da visita poñemos rumbo ao hotel na procura da cea e o relax.

Día 3º

Tratamentos de beleza, relax e saúde con auga mariña no talaso

Entre o almorzo e a despedida aínda temos tempo para gozar dun percorrido mariño nas instalacións do hotel-talaso. Podemos relaxarnos no jacuzzi, nas duchas de contraste, nos chorros ou nas camas de hidromasaxe. O efecto combinado da hidroterapia e a auga mariña a temperatura corporal será beneficioso para a saúde. Se o preferimos podemos optar por un tratamento específico con masaxes e produtos a base de chocolate, algas ou diferentes esencias florais; para relaxarnos, embelecernos ou mellorar a nosa saúde.

Arriba
Axúdanos a mellorar!