Cameliasde encaixe...

Prata e pedra: Unha camelia branca colocada sobre unha bandexa de prata e un paniño de encaixe, podendo ser de Camariñas; iso é Oca. E unhas camelias alegres, pimpantes, descaradas, dunha rotunda cor encarnada, pendidas no que outrora fora horta; iso é Oca.

Un pazo que por barroco non pode ser máis galego nin máis fermoso. Os canos de mil fontes lembran o esmorecido son do chorro do pío nas aldeas e o lento cobreguear dos parrulos nun estanque que é, de feito, un puro soñar, a elegancia palaciana da seda. E un xardín que á luz incerta do inverno conxuga todos os matices dun poema.

«Continuade a obra», ordena un dedo acusador gravado na pedra. E as camelias atenden obedientes ao desexo do que foi case con toda seguridade o seu primeiro dono.

Mediaba o século XVIII; dende aquela ata aquí algunhas camelias eleváronse xa máis de 8 metros. Outras, recortadas en forma de antuca, lembran que en Oca son capaces de brillar ata abril e mesmo maio por aquilo de coincidiren coas hortensias.

E non importa se están entre as máis antigas de Europa, que o están, nin sequera o alcume botánico que teñan: en Oca as camelias resumen, simplemente, a beleza.

INFORMACIÓN E VISITAS:

  • +34 986 587 435

ENLACES RELACIONADOS...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba