Polos sendeiros do tempo. As camelias do pazo de Rubiáns habitan un xardín imbuído de sombras medievais.
Un xardín que transcorre paseniño polos sendeiros do tempo: «aquí un eucalipto do século XVIII; acolá un par de magnolios que medraron ao tempo que a casa», parece indicar, coma se de sinais de tráfico se tratase. E logo estarían xa os magnolios no 1380? Ao mellor estaban nacendo e en Rubiáns asistiríase á nenez e adolescencia dun magnolio; poucos lugares gozan de semellante privilexio.
As camelias, ao tempo, «dispérsanse polos séculos», ledas e liviás, pero non menos centenarias. Quítanlle severidade ao xardín e contrastan co rexo porte da casa, pálidas coma un halo de borraxeira.