Camelias particulares...

Nunca o público fora tan privado.

O xardín do pazo Quiñones de León en Castrelos desprende tal sensación de intimidade que o visitante ten a impresión de estar nun xardín particular; como convidado da familia, nada menos. Un xardín tan acolledor que cada visitante se sente tamén un pouquiño dono; amo e señor polo tempo dun paseo de todo a canto lle alcance a mirada... escudos, parterres, fontes.

E se o viaxeiro tivo a feliz idea de se achegar ao pazo en pleno inverno, a devandita mirada hase apropiar ademais das charamuscas de cor das camelias.

É só unha ilusión, mais ben certa. Dende finais de febreiro as camelias do pazo Quiñones de León realizan unha proeza botánica tras doutra. Como, por exemplo, a de xurdiren dúas á vez do mesmo tronco e, por riba, en cores diferentes. É o caso da matusalén das camelias, que leva a facer o mesmo sobre os parterres de buxo do xardín francés dende 1860 polo menos.

No entanto, as do xardín inglés, as da roseira ou as que alumean unha inquietante cova de follaxe coma campaíñas de feira, realizan tamén o seu prodixio cotián ante os ollos do seu orgulloso propietario: Vostede, viaxeiro que pasea polo pazo.

Información visitas:
+34 986 810 282 / 986 810 260

Enlaces relacionados...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba