As camelias do bosque...

«E velaron os seus matices xunta o bosque xusto antes da chegada do inverno». En 1968 un inglés que tiña os «dedos» verdes instalouse na Galicia rural decidido a aplicar tan insólita característica ao xardín da Saleta.

Sabedoras disto as camelias que alí había, responderon ao toque máxico daqueles dedos cun estoupido de cor sen precedentes. Algunhas mesmo ousaron exhalar algo de esencia, discreta, iso si, que a levidade está no mesmo ser das camelias.

Nesas condicións as camelias que o inglés trouxo logo da súa e doutras terras adaptáronse deseguida ao ambiente rural da Saleta. E no que outrora foran vides xurdiron murallóns de flor espallados aquí e alá coma pequenas illas de cor pola pradaría. E velaron os seus matices xunta o bosque xusto antes da chegada do inverno.

As camelias mereceron ademais a aprobación dos galos da contorna, que aínda lles cantan a súa admiración cun entusiasmo e unha regularidade digna de gabanza. E é que, malia a súa capela, o seu pombal e o seu ciprés, A Saleta foi sempre unha casa de labranza máis ca un pazo. E iso dende o século XVIII.

Dende aquela máis de 200 variedades tomaron posesión da glorieta, dos carreiros abeirados e do elegante desleixo, moi inglés por outra parte, que reina na Saleta.

Información visitas:
+34 629 816 880 / +34 609 330 056

www.pazodelasaleta.com/la-visita/
contacto@pazodelasaleta.com

Enlaces relacionados...

Arriba