En Ourense, entre os encoros de Chandrexa de Queixa e o de Portas, o Macizo Central ocupa máis de 46.000 hectáreas montañosas sen apenas poboación. É o hábitat do lobo, o xabaril, o cervo... E de sorpresas botánicas como bosques únicos de bidueiro ou acivro.

Dentro do Macizo Central está a única estación de esquí de Galicia, Cabeza de Manzaneda. Tamén espazos naturais practicamente virxes, como o Parque Natural O Invernadeiro, o val do río Návea ou o Souto de Rozavales, un bosque de castiñeiros centenarios.  

En terras do Bolo, o espectacular canón do río Bibei, con viñedos nunha pendente que alcanza o 50% e onde se ergue maxestoso o santuario barroco das Ermidas. E en plena Ribeira Sacra, Montederramo co seu mosteiro e o seu enigmático bidueiral, un denso bosque de antigos bidueiros poboado de fentos e liques onde ao parecer se ocultaba Blanco Romasanta, o famoso lobishome galego.

Descrición

O Macizo Central ocupa unha grande área montañosa practicamente despoboada que permitiu conservar importantes ecosistemas de transición. Son as serras propicias para o lobo e as grandes presas: corzo, cervo e o porco bravo. Tamén de sorpresas botánicas como bosques únicos de acivro ou bidueiro entre unha vexetación moitas veces orientada á creación de pasteiros para a gandería. O pastoreo tradicional pervive nas aldeas da serra.

Falamos dunha terra exposta ós cambios lentos da natureza e da tradición. Como castiñeiros centenarios que renovan tódolos anos un froito tenro e doce ou pontes romanas polas que seguen circulando os coches. Así semella ser este interior da provincia de Ourense onde os cumes combinan o encanto agreste da pedra coa suavidade dos grandes volumes redondeados. A serra de Queixa ostenta o punto máis alto na única estación invernal de Galicia que é Manzaneda, concretamente na Cabeza Grande (1.782 m). Máis paisaxes alpinas na serra de San Mamede (1.619 m) e no Fial das Corzas cos montes que rodean o Parque Natural do Invernadeiro. Os ríos que nacen nestes altos son tributarios do Sil cara ó norte; do Miño a través do ledo Arnoia cara ó oeste; e para o sur parten cauces que van dar ó xa portugués Douro.

Estamos pois nun importante reino da auga que contrasta tanto pola abundancia como pola escaseza segundo as estacións, a altitude e a orientación. A pouco menos de 200 quilómetros da costa, é unha das zonas que rexistra maior cantidade de precipitacións en forma de chuvia e neve. Os veráns son sen embargo moi secos. A temperatura media anual non excede os 10º C. O río Bibei, que corta este macizo polo nordeste ata desembocar no Sil, crea un canón de marcado temperamento mediterráneo. Destaca na paisaxe o cultivo da viña.

Flora
Reboleiras (Quercus pyrenaica). Bidueiral en Montederramo (Betula alba) mesturado con carballeiras. Acivro (Ilex aquifolium) e capudre (Sorbus aucuparia). Cumes de pasteiros de Festuca indigesta e piornais de Cytisus scoparius e C. purgans.

Fauna
Lobo (Canis lupus), aguia real (Aquila chrysaetos), donicela (Mustela nivalis), charrela (Perdix perdix hispaniensis). Ungulados no Parque do Invernadeiro: corzo (Capreolus capreolus), gamo (Dama dama) e cervo (Cervus elaphus).

Rutas

A visita ao Parque Natural do Invernadeiro esixe un permiso administrativo, cun máximo diario de acceso a trinta persoas, pero a cambio ofrece ata cinco rotas guiadas con boas posibilidades didácticas.

Pódese axexa-la baixada dos corzos e cervos ó río. O que comezou sendo un refuxio de caza goza agora da demanda de grupos escolares á busca do contacto coa natureza.

Ruta 1 - Por Verín

A mellor forma de achegarse ó Parque Natural é dende Verín, pola estrada que conduce a Campobecerros. Dende Vilariño de Conso, concello no que está encravado o Parque, o acceso é máis difícil. Podemos en cambio realizar outros ascensos. Un ata Chaguazoso, a aldea de Galicia situada a maior altitude. Cruzarémonos daquela co río Cenza que augas abaixo nos regala cunha salvaxe fervenza. Outra incursión é ata Pradoalbar onde o río Cerveira, que logo recibe o nome de Congo, enche un o val de gran beleza.

Ruta 2 - Dende A Pobra de Trives

Para coñece-las serras do Macizo Central, a estrada que vén dende Trives ofrece magníficos itinerarios. Saíndo da Pobra de Trives podemos ascender ata a Estación de Manzaneda. Dende alí parten outras pistas para ve-las formas de modelado granítico ou para subir ó cume de Cabeza Grande e continuar deica a aldea abandonada de Prada sobre un antigo glaciar.

Ruta 3 - Saíndo de Chandrexa de Queixa

Se pola contra nos conducimos ata o concello de Chandrexa de Queixa por Celeiros, capital municipal que conta cun museo etnográfico, existe asemade unha circunvalación do encoro de onde parten varios desvíos e un agradable paseo dende a área recreativa de Santa Cruz pola beira do río de Queixa. Por aquí tamén daremos chegado ó LIC Bidueiral de Montederramo e enxergar un reducto boscoso dominado polos bidueiros nun óptimo estado de conservación. Sen embargo para aborda-la Serra de San Mamede é preferible facelo polo outro lado. Dende a localidade de Arnuíde, na estrada Maceda-Xinzo de Limia, arrinca unha pista cara ó alto onde medra boa herba dos arandos. No extremo contrario, nas terras do Bolo, a fotografía por antonomasia do canón do Bibei encádrase co santuario barroco das Ermidas pendurado no monte entre ladeiras de viñedos. A bonanza climática permitíalles ós monxes mesmo ter muíños para espreme-lo aceite.

Datos de interese

Situación
O Macizo central ourensán esténdese polos concellos do Bolo, Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Quiroga, Larouco e Montederramo. O Parque Natural O Invernadeiro inscríbese no municipio de Vilariño de Conso.

Superficie
45.829 ha ((inclúe o canón do Bibei)

Accesos
Dende Ourense, polo norte, estrada C-536 con desvíos en Castro Caldelas ou na Pobra de Trives. Polo sur, autovía Rías Baixas (A-52) ou N-525 con saídas en Xinzo de Limia ou Verín. Polo leste, para o canón do Bibei nas Ermidas, C-533 Petín-A Gudiña onde enlaza tamén coa autovía A-52. Acceso ó Parque Natural desde Verín dirección Campobecerros por Castrelo de Val (OU-114).

Equipamentos

  • Aula da Natureza P.N. "O Invernadeiro" e permisos administrativos para visita-lo Parque. Tel.: 988 386 376 Cinco rotas guiadas.
  • Centro de Recuperación da Fauna Silvestre. Alto do Rodicio.

Servizos
Nas poboacións dentro do LIC

Arriba
Axúdanos a mellorar!