Quen viu un bosque de loureiros? Pouca xente, moi pouca xente. Porque algo así é excepcional, unha rareza botánica que visitan expertos de todo o mundo.
En Galicia hai unha illa onde un bosque cheira a loureiro e a marisco, a máis sabia combinación. Os bancos marisqueiros da Ría de Arousa achegan as ameixas, os berberechos, as navallas…, e a Illa de Cortegada pon o loureiro necesario para aromatizar tan saborosos produtos do mar.
Árbores centenarias agochan prados e terras que foron cultivadas noutro tempo. Unha ermida que se derruba, unha vila fantasma sen habitantes, un cruceiro que o contempla todo. O bosque de loureiros e a illa de Cortegada respiran misterio. Valo perder?
Punto de inicio | Tipo de ruta | Km | Duración estimada | Dificultade en progresión | Dificultade en orientación |
Centro de recepción de visitantes (Illa Cortegada) | Circular | 2 | 1 h. | Baixa | Baixa |
PERFIL: Todos os públicos |
A primeira gran experiencia que viviredes no bosque da illa de Cortegada é chegar a el! Que mellor forma de comezar a explorar descubrindo o bosque desde a costa e aproximándovos a el lentamente polas tranquilas augas da ría de Arousa. A illa, a ría, o suave abalo das olas, a brisa mariña, a cultura mariñeira que se respira polos catro costados, as pequenas vilas pesqueiras asentadas no litoral, os brancos areais que adornan a liña de costa…