Plan de Accesibilidade Turística de Galicia e do Camiño de Santiago 2016-2019

O Plan de Accesibilidade Turística de Galicia e do Camiño de Santiago ten como obxecto impulsar un conxunto de iniciativas para a mellora do turismo accesible en Galicia nos próximos anos, partindo dun traballo de análise en profundidade da situación actual. Esta análise estuda a demanda e a oferta do destino, as tendencias do mercado a nivel global e nacional con especial enfoque no turismo accesible.
O Plan de Accesibilidade Turística de Galicia e do Camiño de Santiago, aliñado coa Estratexia 2020 do Turismo de Galicia e co Plan Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021, inclúe as liñas de actuación necesarias para mellorar a accesibilidade do destino, con especial atención ao espazo físico e na acollida de visitantes con necesidades de accesibilidade.
Define unha estratexia de destino accesible para Galicia en catro liñas estratéxicas:

  • Mellora da accesibilidade da oferta turística
  • Sensibilización e formación en materia de turismo accesible
  • Innovación e intelixencia de mercado
  • Promoción da oferta de turismo accesible.

A inclusión dos criterios de Accesibilidade Universal e Deseño para Todos na oferta dun destino turístico, ademais de constituír un dereito fundamental de todas as persoas e de ser unha obrigación normativa, achega uns beneficios significativos para o destino:

  • Permite a ampliación da base de clientes e potenciais turistas a todas as persoas, incrementando ademais a súa proporción se se considera que moitas persoas con discapacidade adoitan viaxar acompañadas,
  • Favorece a desestacionalización
  • Reforza a imaxe e a reputación do destino ao situarse como responsable socialmente
  • Mellora a súa calidade e por tanto representa unha vantaxe competitiva significativa.

En definitiva, este Plan de Accesibilidade Turística de Galicia e do Camiño de Santiago pon a disposición, tanto do destino como dos profesionais do sector, todas aquelas ferramentas necesarias para que Galicia poida competir no mercado de turismo accesible con garantías de éxito.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba