DIA 1 - SOLPOR EN FISTERRA
Moi preto accedemos ao castelo de San Carlos, convertido nun interesante museo adicado á pesca e ao traballo no mar. Máis adiante chegamos a Santa María das Areas, templo de gran beleza arquitectónica moi ligado ao Camiño de Santiago. Cerca atópanse as ruínas da ermida de San Guillerme, entre as que se poden albiscar indicios dos antigos cultos e crenzas máxicas atribuídas ás súas pedras.
No día dos equinoccios, dende a entrada da ermida, poderemos ver saír os primeiros raios de sol do amencer por riba do Alto da Moa, cimeira do impoñente monte Pindo.
Á tardiña aínda teremos tempo de achegarnos ata a praia de Mar de Fóra, azoutada por un océano salvaxe que bate fero neste areal, antes de dirixirnos a cabo Fisterra para gozar do primeiro solpor desta viaxe.
Dende ese lugar, fogar de cultos pagáns e bastión natural deste treito da Costa da Morte, asistiremos ao espectáculo que nos ofrece o sol mergullándose no Mare Tenebrosum, o mesmo que probablemente contemplou o emperador romano Décimo Xuño Bruto na súa conquista deste territorio nos confíns do seu imperio.