DIA 3 - SOLPOR NO MONTE PINDO
Dende Cee dirixirémonos a Carnota, xusto nos límites da Costa da Morte, onde poderemos visitar o Museo Arqueolóxico Aberto, un espazo natural que transcorre ao longo de máis de 10,5 km, a través dos cales se atopan sete espazos arqueolóxicos de distintas épocas e tipoloxías, seleccionados dentro da gran riqueza cultural que se distribúe polo territorio de Carnota. Este museo ao ar libre acolle, entre outros tesouros, un conxunto de petróglifos -debuxos gravados na propia rocha en época prehistórica- que representan o movemento do Sol, a Lúa e os astros. Antes de xantar aínda teremos tempo de dar un paseo pola praia de Carnota que, cos seus case 7 quilómetros, é a máis longa de Galicia.
Xa pola tarde, volvemos sobre os nosos pasos para non deixar de visitar o lugar do Ézaro, no concello de Dumbría. Aquí o río Xallas dá paso a unha vertixinosa caída do río que se precipita ao mar formando unha colosal fervenza. É recomendable subir tamén ata o miradoiro do Ézaro, dende o que poderemos contemplar unha ampla e fermosísima paisaxe costeira.