DIA 2 - SOLPOR EN CABO TOURIÑÁN
Seguimos o noso camiño visitando o pequeno porto de Arou, para continuar despois ata o cemiterio dos Ingleses, monumento erixido no lugar onde se enterraron os 172 mariñeiros falecidos no afundimento do buque británico The Serpent, que naufragou na Costa da Morte no ano 1890.
Para coñecer algo máis sobre os numerosos afundimentos que tiveron lugar nestas augas podemos visitar o Centro de Interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos, situado no faro de cabo Vilán. A contorna do cabo é o fogar dun gran número de aves, de entre as que chaman a atención os corvos mariños, que despregan as súas ás como se fosen paneis solares para enxugar a súa plumaxe. Se queremos desfrutar doutra perspectiva deste cabo poderemos ir ata o miradoiro da ermida da Virxe do Monte.
Xa pola tarde trasladarémonos ata o veciño concello de Muxía, onde visitaremos os tradicionais secadoiros de congro, velaí o sol como fonte de enerxía natural. Na actualidade só supoñen un vestixio do seu uso tradicional, mais o congro segue a ser un dos peixes máis consumidos na gastronomía local. Visitar Muxía permítenos tamén camiñar polas rochas máxicas aos pés do santuario da Virxe da Barca e mergullarnos nas crenzas e rituais que o sitúan na lenda xacobea, buscando esa barca de pedra na que se di que chegou a Virxe á costa.