As Mariñas abrangue os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Estas son terras cun gran patrimonio artístico e monumental. Como o Mosteiro de Sobrado dos Monxes, unha obra mestra do Renacemento e do Barroco en Galicia. 

Betanzos é perfecta para un paseo entre monumentos e casas señoriais e despois hai que probar a súa deliciosa tortilla de patacas. En Cambre encóntrase unha xoia oculta, a igrexa románica de Santa María ; e tamén un dos espazos máxicos de Galicia, o bosque de Cecebre , escenario da novela e a película " El bosque animado ". En Sada nada como tomar un café en "A Terraza" , un espectacular edificio modernista. En Bergondo , o Pazo de Mariñán e os seus famosos xardíns á beira do mar, entre os que destacan o xardín francés e o das camelias. En Arteixo, a praia de Barrañán , a preferida de nudistas e surfistas.

Patrimonio

En Betanzos atópase o primeiro parque temático de Occidente, o Parque do Pasatempo.

O Camiño Inglés atraviesa neste xeodestino os concellos de Miño, Paderne, Betanzos e Abegondo na variante procedente de Ferrol e os concellos de Culleredo, Cambre e Carral na variante que comeza no porto coruñés. O Camiño do Norte pasa polo de Sobrado.

Mais tamén no resto dos concellos que compoñen A Coruña e As Mariñas se poden descubrir lugares incribles, cheos de historia, de tradición, de beleza e de natureza intacta. Castros como os de Alvedro en Culleredo, o das Flores en Coirós, o de Samoedo en Sada, ou os de Vilar de Corna ou Baiuca en Oza-Cesuras ou os megálitos do Xalo en Carral, son o legado dos antigos habitantes destas terras que sobrevive na paisaxe das Mariñas.

A arquitectura relixiosa da zona atesoura importantes construcións que, en boa parte, forman parte do inventario de Bens de Interese Cultural. Tal é o caso de igrexas como as de Santa María de Azogue e San Francisco en Betanzos, a igrexa do antigo mosteiro de San Nicolao de Cis en Oza-Cesuras ou a igrexa de Santa María de Dexo en Oleiros. Outros monumentos de gran relevancia na zona son Santa María de Cambre (unha auténtica xoia do románico galego), a igrexa de Santiago do Burgo en Culleredo, o convento de San Salvador en Bergondo, as igrexas de San Paio e San Pedro en Aranga e a igrexa oxival de Santiago en Betanzos.

Entre a arquitectura civil paga a pena coñecer o Edificio A Terraza en Sada, o Pazo de Anceis en Cambre, a ponte medieval do Burgo entre Cambre e Culleredo, o Pazo de Figueroa en Abegondo ou a ponte medieval sobre o río Baxoi en Miño. O Pazo de Mariñán (en Bergondo), dentro da ruta da camelia, está situado xunto ás marismas de Betanzos ás que se asoma desde os seus xardíns.

Espazos naturais

As Mariñas é un destino no que a natureza brota para agasallar ao visitante con paraxes únicas. As ribeiras do Mero e o encoro de Cecebre, en Cambre; ou o Bosque dos Veciños, en Oleiros; a paisaxe pintoresca da Espenuca e o miradoiro natural do paso do río Mandeo, en Coirós; a paraxe pintoresca do lugar de Chelo entre Coirós e Paderne; ou a natureza exuberante e idónea para a práctica da caza e a pesca deportiva de Irixoa son exemplo destes agasallos naturais.

Desde o faro de Mera, balcón privilexiado do monumento natural da Costa de Dexo (no concello de Oleiros) pódese observar a entrada das tres rías do golfo Ártabro (A Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol). Teñen tamén protección a confluencia dos ríos Mendo e Mandeo e o espazo natural do Encoro de Abegondo-Cecebre, que abarca máis aló do propio encoro e desprégase augas arriba dos ríos Mero e Barcés. Débese facer unha mención especial á Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo que abarca todos os municipios deste xeodestino.

Festas e gastronomía

No tocante ás Indicacións Xeográficas Protexidas existentes na zona hai que falar dos Viños da Terra de Betanzos, que comprenden os viños de mesa orixinados nas zonas vitícolas dos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño, Paderne, Abegondo, Oza-Cesuras e Sada. 

As Mariñas ofrece tamén aos visitantes a posibilidade de gozar das súas festas populares, que son moi numerosas e de entre as que destacamos as que teñen a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, como a de San Roque en Sada e a de San Roque, Feira Franca Medievale Semana Santa en Betanzos.

DESTACADO: Betanzos e Pazo de Mariñán

Custodiado polos ríos Mendo e Mandeo, o casco histórico de Betanzos constitúe un dos máis belos centros monumentais de Galicia. Nalgún tempo foi cidade amurallada e hoxe conserva fermosas mostras de arquitectura popular asoportalada de tradición medieval. Nas súas recolectas rúas coas súas tradicionais balconadas e galerías percíbese o esplendor da que foi nun tempo unha das antigas provincias do Reino de Galicia.

Moi preto de Betanzos, no concello de Bergondo, eríxese o maxestoso Pazo de Mariñán -declarado en 1972 Conxunto Histórico Artístico- co seu xardín de estilo francés de gran variedade botánica. Plátanos de máis de 50 metros de altura, eucaliptos centenarios, cipreses de Portugal, chopos negros e coloridas camelias decoran esta xoia arquitectónica que alberga tamén o chamado Xardín da Palabra onde cada árbore conserva ao seu pé a mensaxe dalgúns ilustres visitantes, a maioría poetas, que o plantaron.

Arriba
Axúdanos a mellorar!