Os concellos que integran este xeodestino son: Bande, Barbadás, A Bola, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, A Merca, Muíños, Padrenda, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.
Celanova é terra de poetas como Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, sen dúbida inspirados pola beleza da contorna. A Praza Maior de Celanova está presidida polo maxestoso mosteiro de San Salvador, unha das xoias do barroco en Galicia. Nos arredores, o castro de Castromao e Vilanova dos Infantes, vila medieval con casas señoriais arredor dunha antiga torre. Cara ao sur destacan os restos do campamento romano de Aquis Querquennis en Bande.