EUROVELO 1 NA PENÍNSULA IBÉRICA E NO TRAMO GALEGO

Ruta da Costa Atlántica

A ruta atravesa a península Ibérica de norte a sur, dende Irún ata Ayamonte durante 1.685 km, na fronteira con Portugal, pasando por varios puntos de interese das comunidades autónomas de Navarra, A Rioxa, Castela e León, Estremadura e Andalucía. Atravesa o Pireneo Atlántico dende Francia, penetrándose na verde terra navarra, pasando por Pamplona e percorrendo parte do Camiño de Santiago ata chegar á Rioxa, onde se poden visitar os mosteiros de Yuso e Suso en San Millán de la Cogolla.

En Castela e León, o percorrido comparte tramos con catro rutas históricas: o Camiño de Santiago, a Canle de Castela, a Ruta do Douro e a antiga Vía da Prata. Esta última, unha antiga calzada romana, guiará ao cicloturista cara ás terras de Estremadura, cruzando o porto de Béjar e percorrendo parte desta rexión ata chegar a serra andaluza, na provincia de Huelva. Destaca o legado histórico das cidades da rexión, como Cáceres e Mérida, ambas declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, así como a beleza da dehesa estremeña.

O tramo final da EuroVelo 1, antes de cruzar a Portugal, discorre por un entorno privilexiado que permite descubrir a paisaxe da conca mineira do río Tinto. A ruta continúa polos lugares colombianos e a cidade de Huelva, culminando na costa atlántica coas súas vastas praias de area clara.

Cunha lonxitude de 11.704 quilómetros, a EuroVelo 1 “Ruta da Costa Atlántica” é un percorrido dende o norte ata o sur de Europa seguindo a súa costa atlántica. Ao comezo, discorre por Noruega e os seus fiordes. Despois de cruzar o Mar do Norte e chegar a terras británicas, percorre a costa irlandesa para regresar ás costas de Gales e Cornualla, en Gran Bretaña. De volta ao continente, cruza Francia ao longo de toda a súa costa atlántica. A continuación, cruza España por terras do interior dende os Pireneos ata a fronteira con Portugal, onde regresa á costa atlántica e se dirixe cara ao norte ata a fronteira con Galicia na ponte internacional do río Miño. En Galicia, percorre a costa atlántica das provincias de Pontevedra e A Coruña ata conectar coa EuroVelo 3 “Ruta dos Peregrinos” na localidade de Cee e compartir trazado ata chegar ao Cabo de Fisterra.

Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

Coñece a ruta EuroVelo 1 en Galicia a través das etapas ou seccións. Un novo xeito de descubrir os lugares máis representativos desta ruta Atlántica que te levará pola costa das provincias de Pontevedra e A Coruña. As etapas estrutúranse de tal xeito que ao comezo e ao final de cada unha atoparás servizos de aloxamento, comida e transporte, entre outros.

  Desnivel + Desnivel - Altitude máxima Altitude mínima Altitude saida Altitude chegada

Distancia 536,7 Km

6.495 m6.383 m197 m0 m17 m131 m
Descarga a ruta

Eurovelo 1

Sección 1

(TUI - BAIONA) • 74,04 km

A primeira parte desta etapa discorre en paralelo ao río Miño, atravesando os concellos de Tui, Tomiño e O Rosal, ata chegar á espectacular desembocadura do río na Garda, co monte de Santa Trega de fondo, unha das iconas xeográficas e paisaxísticas de Galicia.

Dende a vila mariñeira da Guarda, a ruta continúa cara ao norte por un carril bici costeiro en paralelo a unha costa escarpada e agreste que comparte varios tramos co Camiño de Santiago Portugués da Costa. Pasa por Oia, localidade costeira soada polo seu mosteiro cisterciense, para continuar ata a vila mariñeira e turística de Baiona.

Baiona foi o primeiro lugar de Europa en coñecer o éxito da viaxe de Cristovo Colón a América, ao arribar ao seu porto a carabela Pinta o 28 de febreiro de 1493.

Eurovelo 1

Sección 2

(BAIONA - REDONDELA) • 42,27 km

Dende Baiona, a ruta continúa polo carril bici cara ao estuario da Foz do Miñor, un lugar onde se pode gozar da variada fauna da marisma. Tras pasar preto da ponte medieval da Ramallosa, chegamos ao longo e turístico tramo de praia América, que se estende ata o porto de Panxón. Dende aquí, o cicloturista continúa cara ao norte ata divisar a enseada de Samil e cruzar a cidade de Vigo pedaleando polo seu carril bici. A ruta continúa pola “Senda da Auga”, ofrecendo unhas vistas panorámicas espectaculares da ría de Vigo e da ponte de Rande.

En Redondela chaman a atención os viadutos do ferrocarril construídos na década de 1870 e 1880.

Eurovelo 1

Sección 3

(REDONDELA - MOAÑA) • 35,73 km

Enfilando á praia de Cesantes, ascéndese ata conectar co Camiño Portugués en dirección á Ponte Sampaio, de orixe romana e factura medieval. A ruta bordea as antigas Salinas de Ulló en Vilaboa e diríxese cara á moderna ponte de Rande, pasando pola enseada de San Simón na ría de Vigo. Verde é a chaira que emerxe coas mareas; rica en mariscos bivalvos, como as ostras de Arcade, e aves acuáticas.

O referente cultural da enseada son as illas de San Simón e de Santo Antón, cun pasado como centro monástico, lazareto e campo de concentración durante a Guerra Civil. Un centro de interpretación explica a súa longa historia. Visitable en temporada alta dende os portos de Cesantes (Redondela) e Santo Adrán de Cobres (Vilaboa).

Eurovelo 1

Sección 4

(MOAÑA - BUEU) • 43,17 km

As Illas Cíes son as protagonistas indiscutibles desta etapa, onde o cicloturista poderá explorar parte da península do Morrazo. Estas illas foron incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, creado no ano 2002, xunto á illa de Ons, a illa de Sálvora e a de Cortegada. Varios tramos da ruta ofrecen espectaculares vistas panorámicas deste paraíso natural, especialmente dende os cantís de Donón, na coñecida como Costa da Vela.

O tramo final percorre o contorno da ría de Aldán e visita numerosos areais no camiño cara ao Cabo Udra, como son Menduíña, Area de Bon, Lagos e Ancoradouro, antes de chegar á vila de Bueu.

Eurovelo 1

Sección 5

(BUEU - PORTONOVO) • 46,96 km

Dende Bueu percórrese case todo o perímetro da ría de Pontevedra. No corazón das Rías Baixas, o cicloturista poderá gozar dunha paraxe costeira con múltiples praias ideais para o baño e sendas litorais de gran encanto.

A cidade de Pontevedra esixe unha parada: señorial, chea de vida e de terrazas, cun centro histórico perfectamente conservado e un deseño urbano pensado para o peón que levou á ONU a declarala no 2014 como “a cidade máis cómoda de Europa para vivir”.

Non hai que pasar de longo por Combarro, declarada Conxunto Histórico-Artístico e un perfecto exemplo da arquitectura tradicional galega que combina casas de estilo mariñeiro con hórreos e cruceiros. Ao final do percorrido, pásase por Sanxenxo, un referente turístico pola calidade das súas praias e a súa animada vida estival.

Eurovelo 1

Sección 6

(PORTONOVO - TORRES DE OESTE) • 60,55 km

A ruta diríxese cara á praia da Lanzada, un areal de 2,5 km que define o istmo da península do Grove. Este tramo permite gozar dunha espectacular vista panorámica da Illa de Ons.

Entramos na ría de Arousa pola enseada do Grove. En Cambados, a ruta continúa cara á ponte de acceso á Illa de Arousa. Neste punto, séguese o percorrido coñecido como “O Terrón”, que pertence á rede de sendas de Vilanova de Arousa. Chegamos ao centro urbano de Vilagarcía de Arousa por un carril bici.

A ruta remonta o río Ulla cara ás marismas de Catoira para chegar ás chamadas Torres de Oeste, un complexo defensivo contra os ataques viquingos. Aquí celébrase o primeiro domingo de agosto unha festa na que se conmemora a defensa de Galicia contra as incursións normandas.

Eurovelo 1

Sección 7

(TORRES DE OESTE - SANTA UXÍA DE RIBEIRA) • 62,31 km

Percorre a cara norte da ría de Arousa ao longo da península do Barbanza. Un traxecto co atractivo dunha costa salpicada de innumerables praias, miradoiros e un patrimonio monumental e mariñeiro. Destacan varios museos como o do escritor galego Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal, asentamentos prehistóricos como o castro de Neixón en Boiro, pazos como o de Martelo en Rianxo e o ambiente mariñeiro dun importante porto pesqueiro como é Santa Uxía de Ribeira.

Unha gran variedade de vías —dende estradas provinciais ata carrís bici, sendas costeiras e paseos marítimos— que pasan por numerosos núcleos de poboación fan desta sección unha ruta diversa e interesante.

Eurovelo 1

Sección 8

(SANTA UXÍA DE RIBEIRA - NOIA) • 66,11 km

No extremo occidental da península do Barbanza atópase o Parque Natural de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, coa maior duna móbil de Galicia. Este punto natural marca a transición entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia.

Antes de chegar á localidade mariñeira de Porto do Son, recoméndase achegarse ao Castro de Baroña, un asentamento visitable que permite coñecer o modo de vida do pobo galaico antes da chegada dos romanos a Galicia. Castro Baroña é tamén un dos lugares máis fotografados da costa galega.

Tras cruzar a poboación de Portosín, esta sección da ruta remata en Noia, localidade cuxas orixes se remontan á Idade Media e que conserva un casco histórico que fala dun pasado señorial ligado ao mar e á pedra.

Eurovelo 1

Sección 9

(NOIA - MUROS) • 45,78 km

Esta sección transita pola costa setentrional da ría de Muros e Noia. Ao principio, o mar non está tan presente como noutras etapas, pero iso non lle resta atractivo á experiencia. Ao longo do concello de Outes, a ruta transita por unha franxa entre montañas próximas ao mar e zonas costeiras de praias e suaves vales. Máis tarde, a ruta cambia, ofrecendo vistas máis amplas da costa combinadas con sendas e antigos estaleiros, exemplos da importante vida mariñeira nesta zona de Galicia.

Esta etapa conclúe na vila de Muros, que esconde un dos conxuntos monumentais máis fermosos de Galicia, de orixe medieval e declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1970.

Eurovelo 1

Sección 10

(MUROS - CABO FISTERRA) • 59,77 km

Dende Muros o percorrido ábrese de novo ao océano Atlántico. Un camiño rico en valores paisaxísticos, naturais e culturais cunha serie de visitas de grande interese como a lagoa das Xarfas (ou de Louro) na praia de Area Maior, os hórreos de Lira e Carnota, entre os máis longos de Galicia, e praias salvaxes e espectaculares como as de Lariño, Carnota e Langosteira. Non debemos esquecer a fervenza de Ézaro formada polo río Xallas, da que se di que é a única de Europa que cae directamente ao mar.

Dende Cee, a EuroVelo 1 e a EuroVelo 3 comparten un último tramo que ascende ata o faro de Fisterra e remata no lendario Km 0 do Camiño de Santiago, no cabo da fin do mundo.

 

Servizos nas poboacións

Recomendacións

  • Recoméndase o uso do casco.
  • Non esquezas revisar o estado da bicicleta.
  • Infórmate sobre os aspectos técnicos da ruta e sobre a meteoroloxía do día.
  • Sempre debes levar auga, roupa de abrigo, kit de reparacións e o teléfono móbil ben cargado
  • Debes obedecer a sinalización da ruta, dar prioridade aos peóns e cumprir coas normas xerais de circulación.
  • Podes contribuír ao mantemento da ruta informando sobre posibles incidencias no estado e sinalización da ruta no email eurovelo.turismo@xunta.gal


Sinalización

Arriba