Este percorrido entre as vilas de Betanzos e Ortigueira permitiranos achegarmos á zona norte de Galicia. Quen xa a visitou nalgunha ocasión saberá que conta con moitos e moi variados encantos. Pola súa beleza natural, os seus monumentos e as súas tradicións, deixará unha pegada na mente de quen a escolla para pasar uns días de descanso.
Os nosos pasos discorrerán dentro dos límites da provincia da Coruña, fundamentalmente pegados á costa, pero realizando algunha incursión cara ao interior. A paisaxe característica é unha fusión de mar e montaña. O litoral regalaranos as súas numerosas e fermosas praias, adaptadas a todos os gustos. Hainas doces e recollidas, resgardadas da ondada pola protección das rías, pero tamén existen outras salvaxes e abertas á forza do océano. O relevo das serras da Faladoira e da Capelada fan que nos movamos nun terreo fermoso pero difícil. Incluso á beira do mar acádanse alturas superiores aos 500 m, o que permite a existencia de espectaculares cantís.