Eurípides no xardín

«filosofía no fondo da follaxe». Eurípides sentiríase no seu elemento

Inmerso na Galicia tropical xunta as ribeiras do Miño, o xardín do pazo de Pegullal responde a un trazado xeométrico inmediatamente camuflado polas veladuras dunha vexetación exuberante. Como xurdido dun gravado antigo, o escenario invita a considerar «o transcendente». Paisaxes de buxo, agochos. A inquietante intimidade do labirinto. Misteriosos paseos semiocultos á vista inducen a sisudas reflexións

Pegullal evoca o mellor do Mundo Antigo. Un deseño propio do renacemento italiano que busca o equilibrio do clásico. O xardín discorre dun extremo a outro da casa sen perder por iso sincronía. Sebes e estanques alónganse impecables en contraste coa irregularidade da fachada. O conxunto transmite unha serenidade que non é estática pois é o propio xardín o que o impide. Os magnolios, as gardenias, as glicinias que arroiban en abril.

Os miles de chispiñas de luz que habitan saltareiras nas fontes, os diferentes ecos da auga que guinda cada gárgola van debuxando unha sucesión de paisaxes de perfume, de cores, de formas, de rumores, que non permanecen quietos un instante. Transforman os currunchos a capricho dos días, das horas ás veces de maneira descarada, outras discreta.

Con desvergonzado desenfado mediterráneo unha figueira traspasada polo sol alza as súas pólas en signo de vitoria. No alto cimbra unha palmeira. Marmelos, granadas, limoeiros esquecen que San Bieito desde a súa capela os vixía. En realidade o santo ocúpase do seu carballo, -600 anos leva no empeño-, ameazando con arrincarlle a saúde ao ousado que corte a máis mínima poliña. Con éxito. Pola comarca polo menos, aínda non se encontrou quen se atreva.

Información visitas:
info@pazopegullal.com
986 343 004 / 646 706 191

Enlaces relacionados...

Arriba