Este xeodestino abrangue os concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilamaior. Os nomes de Ferrolterra saben a mar.

Ferrol é o mellor porto natural de Europa, así o cualificou o Almirantado británico cando en 1800 quixo conquistalo. É tamén o Barrio da Madalena e o Arsenal, as primeiras obras feitas en Europa co criterio da Ilustración. Ferrol encerra ademais unha emotiva sorpresa, a Semana Santa, unha das máis impresionantes de Galicia.

En Ferrolterra están tamén a praia de Pantín, escenario habitual de campionatos mundiais de surf, e as lagoas de Doniños e Valdoviño, paraíso de aves acuáticas. E nas proximidades de Ortigueira, dúas marabillas: a Serra da Capelada, que se corta abruptamente ao chegar ao mar formando os cantís máis altos da península Ibérica, e o santuario máxico de Santo André de Teixido.

Mais hai tamén un Ferrolterra terra dentro. Como as Fragas do Eume, un bosque avesío e segredo que no seu corazón esconde o Mosteiro de Caaveiro... e, nas inmediacións, o fascinante Mosteiro de Monfero, cunha enigmática fachada co deseño dun taboleiro das damas.
 

Arriba