Unha vez en terra: As galerías da Mariña ofrecen ao visitante as súas fachadas de
cristal, legado dos carpinteiros de Ribeira que traballaron na súa Dársena.
A Torre de Hércules, símbolo da cidade e faro máis antigo do
mundo en funcionamento, recibe ao navegante. O seu interior supón
un museo que se pode visitar banzo a banzo desde os antiquísimos
cimentos ata a terraza. O monumento está acompañado na actualidade
polo Aquarium Finisterrae, especializado en ecosistemas
mariños da costa galega, e próximo á Domus que, coa Casa das
Ciencias, completan a oferta de museos interactivos.
O mar rodea a historia desta cidade feita península pola praia do
Orzán. Entre as súas rúas destacan as prazas e xardíns como a de
María Pita e o xardín de San Carlos. Como capital do Antigo
Reino de Galicia soubo acoller importantes expedicións marítimas:
militares como a Armada Invencible ou científicas como a de Alexander
Von Humboldt. Tamén sabe recibir a quen dobra o espigón do
dique de abrigo e se acolle a augas do Castelo de San Antón,
convertido en museo Arqueolóxico. Ou ben enfila o seu importante
porto comercial que aínda mantén viva a meirande poxa de pescado
fresco na lonxa do Muro.
Aproximación de noite: Procederemos de igual xeito tendo en conta o balizamento:
O faro da Torre de Hércules (GpD(4)B 20s 106 m 23M), o máis antigo
do mundo en activo, serviranos como referencia ao achegarnos, sexa
desde o W ou desde o N. Próximos xa á entrada da ría de A Coruña
navegaremos á procura de calquera das enfilacións: enfilación 182º
(canle do E ou do Seixo Branco) Iso BRV 2s -anterior- e OcR 4s –posterior-;
enfilación 108º (canle do W ou de Herminia) OcBR 4s –anterior-
e DB 4s –posterior-. Seguiremos as enfilacións ata que teñamos
á vista a luz do Dique Barrié de la Maza (DV 3s 18m 6M). Unha vez
teñamos este último ao través iremos caendo a estribor á busca da
luz do Castelo de San Antón (GpD(2)V 7s 17m 6M), que deixaremos
pola amura de babor poñendo proa ás luces dos embarcadoiros iluminados
(non balizados) de Nauta Coruña.
Aproximación de día: A canle do W ou de Herminia está comprendida entre o arrecife Basuril
e a punta Herminia. A do E ou do Seixo Branco estao entre os baixos
Xacentes e as puntas de Mera e Seixo Branco.
A primeira das canles, a máis segura con mar grosa, queda balizada
coas enfilacións luminosas de Punta de Mera (Rv:108,3º); e, a segunda,
a máis perigosa con temporais de terceiro e cuarto cuadrantes,
coas de punta Fiaiteira (Rv:182º).
Unha vez superado o arrecife Basuril e os baixos Xacentes, seguindo
calquera das dúas canles, xa estaremos dentro da ría e a navegar segundo
a enfilación de Punta Fiaiteira. A unha milla ao S verdadeiro da
oposición Torre de Hércules - Punta de Mera xa teremos pola amura
de estribor o final balizado do dique Barrié de la Maza, o que dobraremos
e xunto ao que navegaremos
ata ter pola proa tanto
as instalacións do R.C.N. de A
Coruña como as de Nauta Coruña. As de Nauta Coruña son os dous
embarcadoiros máis próximos ao dique Barrié de La Maza.