En avión

O modo máis áxil para chegar a Galicia é por avión xa que conta con 3 aeroportos internacionais: o de Lavacolla en Santiago de Compostela, o de Alvedro na Coruña e o de Peinador en Vigo dende os que se vai poder chegar, de xeito doado, a calquera destino turístico.

En tren

RENFE, empresa de servizos de transportes ferroviarios de viaxeiros e mercadorías, conecta a Galicia co resto das cidades españolas e europeas. Tamén permite desprazarse comodamente por Galicia mediante as liñas que comunican as distintas cidades.

Renfe

En barco

Con máis de 1.600  quilómetros de costa, a nosa Comunidade Autónoma conta con cerca de 130 portos de diferentes tamaños e características. Eles, xunto coas súas infraestruturas propias, achegan toda clase de comodidades  para facilitar a chegada das persoas visitantes que escollen este medio de transporte. Nas diferentes instalacións náutico-deportivas de Galicia proporcionaranlle toda a información que necesite para achegarse en barco.

Outro xeito de chegar a Galicia por mar é mediante os cruceiros turísticos que cada vez en máis número saen, chegan ou fan parada nos portos de Ferrol, A Coruña, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

EMPRESAS DE TRANSPORTE EN BARCO

En autobús

Galicia conta cunha importante rede de infraestruturas viarias que facilitan a chegada das persoas que nos visitan empregando este medio de transporte, así como con grandes e completas terminais nas cidades e estacións nas vilas para os servizos de proximidade.

As diferentes compañías que operan en Galicia contan con oficinas de información e venda de billetes nas principais estacións de autobuses.

En coche

As autoestradas e autovías, xunto coa rede de estradas, configuran unhas infraestruturas de mobilidade que permiten aos viaxeiros e viaxeiras chegar a Galicia e moverse dentro dentro dela con total facilidade.

As principais vías de entrada son: A Autoestrada A-8 que conecta a Comunidade autónoma coas cidades e capitais do norte de España. A Autoestrada A-6 e a A-52 que permiten achegarse a Galicia dende Madrid. Por outra banda a AP-9 non só permite o desprazamento por boa parte do litoral galego senón que facilita a comunicación co veciño Portugal.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!